Voluntarios do Punto Morado acompañan a casa a dúas rapazas de 16 e 24 anos na segunda xornada de festas

15
  • A socialista Paloma Castro subliña “o efecto de seguridade e protección que supón a presenza da caravana” e salienta que “dúas mulleres vítimas de xénero achegáronse para agradecer a iniciativa”

Voluntarios do Punto Morado acompañaron ás súas casas, a petición das mesmas, a dúas rapazas de 16 e 24 anos no contorno do centro comercial Carrefour (Salcedo) e na zona vella de Pontevedra, respectivamente, durante a segunda xornada das Festas da Peregrina, na que confluiron as celebracións das ‘peñas’ taurinas, unha ateigada procesión da Virxe e o concerto de Ana Belén. Unhas solicitudes de compañía na volta a casa que, en opinión da concelleira de Igualdade, Paloma Castro, amosan “o importante efecto de seguridade e protección que produciu a presenza da caravana” nas inmediacións da Praza de Ourense (a carón das escaleiras de San Francisco), nunha fin de semana na que as dúas profesionais que coordinan este servizo contra a violencia machista e sexual (unha psicóloga/criminóloga e unha promotora de Igualdade) “non recibiron denuncias por acoso ou agresión”.

Ao igual que acontecera na xornada do sábado, o equipo do Punto Morado, que contou onte coa axuda de oito voluntarios, desenvolveu unha intensa actividade informativa e de sensibilización, dando resposta ás numerosas consultas realizadas, non só por mozas e mozos (algúns deles de tan só 18 anos), senón tamén por mulleres e homes (a idade máxima foi de 55 anos). Segundo precisa Paloma Castro, @s que se achegaron ata a caravana preguntaron cuestións relativas “aos casos nos se poden solicitar os acompañamentos a mulleres, cantos días estaría o Punto Morado nas festas, como é a lexislación actual en materia de violencia de xénero e ordes de afastamento, as diferenzas entre abuso e agresión, os tipos de conductas consideradas acoso e a posibilidade de formar parte do equipo de voluntariado”.

Imaxe do vídeo da campaña ‘Sen o meu si, non’.

“Resulta bastante significativo que algunhas familias e xóvenes se achegasen ás profesionais que estaban na caravana e aos voluntari@s para darlles as grazas por unha iniciativa que aporta moita seguridade ás mulleres. Incluso houbo dúas mulleres vítimas de violencia de xénero que quixeron agradecer esta labor”, destacou a concelleira do PSOE. 

Case 5.000 flyers repartidos

As profesionais e os voluntarios e voluntarias do Punto Morado efectuaron ao longo da fin de semana o reparto de 3.500 flyers informativos polos locais nocturnos e comerciais da cidade, así como doutros 2.200 na caravana e as rúas de Pontevedra. Asemade, distribuíronse 2.500 pegatinas, uns 2.000 dípticos e 3.000 pulseiras, e atendéronse dous avisos cidadáns sobre mulleres que se atopaban en estado de desorientación por embriaguez (en ámbolos casos, os voluntarios acoderon ao lugar, pero os respectivos grupos de amigos xa se organizaran para acompañalas a casa).