Os alumnos da Aula Natureza ‘diplómanse’ en reciclar, compostar, anelar aves e coidar do medio ambiente

43
  • Iván Puentes subliña “a boa acollida e o importante labor desta iniciativa, que permite conxugar o entretemento dos nenos coa súa educación e sensibilización en materia medioambiental”

A Aula de Natureza e Interpretación de Pontevedra, impulsada polo departamento municipal de Medio Ambiente Natural, pechou hoxe a súa quenda estival coa entrega de diplomas ao grupo de 11 rapaces e rapazas que participaron no seu variado programa de actividades. O acto de clausura, que tivo lugar no Pazo da Cultura, contou coa asistencia do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o socialista Iván Puentes, quen salientou “a boa acollida e o importante labor desta iniciativa, que permite conxugar o entretemento dos nenos e nenas coa súa educación e sensibilización en materia de coidado e respecto polo medio ambiente”.

Os alumnos recén ‘diplomados’ veñen de participar nunha diversa axenda de actividades desenvolvida durante dez días, dende o pasado 31 de xullo, e que incluíu un obradoiro de compostaxe (no composteiro do campus universitario), unha ruta interpretativa pola contorna do río Lérez e a praia fluvial, unhas olimpíadas medioambientais e visitas ao Mercado de Abastos e ao Museo de Pontevedra (onde se realizou unha tarefa de investigación).

O acto de clausura e entrega de diplomas tivo lugar onte no Pazo da Cultura.

Tal e como destacou Iván Puentes, o programa desta quenda de verán da Aula Natureza, tamén contou cun obradoiro de elaboración de papel reciclado e pinturas naturais (empregadas posteriormente polos rapaces) e doutro de creación de instrumentos musicais naturais, no que os nenos “empregaron ferramentas de marquetería para lixar e dar forma a canas coas que fixeron unha tarambela”. “Unha vez rematados os instrumentos, aprenderon a usalos e xeraron ritmos, bailes e cantos tradicionais con eles”, indicou o concelleiro socialista.

Unha das actividades que máis gustou aos nenos participantes neste proxecto municipal, financiado cunha achega duns 7.500 euros, foi un roteiro polo espazo natural da Xunqueira de Alba baixo a guía dun ornitólogo, que lles explicou aos rapaces en que consiste a migración das aves e como se realiza o anelamento científico das mesmas.