O prestixioso chef Pepe Solla presentará o acto de inauguración do novo espazo gastronómico do Mercado de Pontevedra

171
  • O evento terá lugar o día 22 de agosto a partir das 20.00 horas e contará cos obradoiros infantís Ganapán Gourmet, unha sesión DJ e un concerto en directo a cargo de Bea Mazaira & Iago Marta
  • A reforma do primeiro andar foi realizada pola empresa ACEVI cun orzamento de 218.682 euros e financiouse nun 80% a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O recoñecido chef pontevedrés Pepe Solla será o encargado de presentar o acto de inauguración do novo Espazo Gastronómico Sostible do Mercado de Pontevedra, que terá lugar o xoves 22 de agosto a partires das 20.00 horas. A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, deseñou un amplo programa de actividades de lecer para este evento inaugural de ‘O Mercado’, entre as que se inclúen os obradoiros infantís de Ganapán Gourmet, unha sesión musical cos DJ Santi Mille, Marcos Sonseca e Arturo Delgado e un concerto en directo a cargo do grupo de soul Bea Mazaira & Iago Marta.

Tal e como sinala Yoya Blanco, “o espazo abrirase ao público ás oito da tarde, iniciándose a esta mesma hora as actividades de lecer programadas para nenos de entre 4 e 11 anos e tamén a sesión DJ con temas de soul, ska e rock”. Media hora máis tarde, ás 20.30 horas, comezará o acto institucional conducido por Pepe Solla e no que intervirán a propia edil do PSOE e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A música en directo de Bea Mazaira & Iago Marta soará a partires das nove da noite, nun concerto que rematará aproximadamente ás 21.45 horas e que dará paso a unha nova ‘pinchada’ de vinilos ata o peche do recinto, ao redor da medianoite.

“O acceso ao espazo será libre, polo que non é preciso levar invitación, e por suposto, haberá intérprete de lingua de signos durante o acto de presentación e o desenvolvemento dos obradoiros infantís”, subliña a concelleira de Promoción Económica e Turismo.

Cócteis sen alcol, petiscos, xogos de probas e xincanas para os nenos

A ludoteca do Mercado ‘O Ganapán’ ofertará unha programación especial entre as 20.00 horas e a medianoite para os nenos e nenas de entre 4 e 11 anos que acudan coas súas familias ao acto de inauguración do día 22 de agosto. Un equipo de seis monitores desenvolverá obradoiros organizados en quendas de media hora e un máximo de dez participantes, para que os rapaces poidan asistir a cantas propostas decidan e acadar unha maior rotación de público.

As propostas estarán distribuídas en catro espazos diferenciados (ocuparán o actual espazo do Ganapán e un dos postos baleiros, que se habilitará ese día para as actividades infantís): Espazo Petiscos (coa elaboración de receitas gastronómicas como o ‘sushipan’), Espazo Cóctail (onde aprenderán a facer os seus propios cócteis sen alcol), Espazo Natura (orientado á creación de postais e marcapáxinas con material reciclado) e Espazo Arte (cun obradoiro de chapas e imáns de neveira). Ademais destas actividades, o Ganapán Gourmet tamén celebrará xogos de probas e xincanas ao longo da tarde-noite polas novas instalacións do Mercado.

O novo ‘gastroespazo’ que botará a andar a vindeira semana ocupa a totalidade do primeiro andar do Mercado e centrará a súa actividade nunha oferta gastronómica variada, con venda de produtos elaborados no propio espazo, combinando a produción local, ecolóxica e gourmet con propostas máis exóticas.

Pepe Solla e Yoya Blanco, na rolda de prensa de presentación do evento inaugural.

A ambientación do Espazo Gastronómico Sostible xira arredor dos produtos e materiais da zona, poñendo o foco na pesca e o mar. Por este motivo, incorporáronse ao ‘atrezzo’, suspendidas no teito, tres embarcacións típicas das Rías Baixas: unha dorna, unha gamela e unha chalana. As barcas foron recuperadas e restauradas pola Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo.

Fondos FEDER

Segundo apunta a concelleira Yoya Blanco, “este importante proxecto enmárcase dentro dos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI)”. A reforma do primeiro andar do Mercado de Pontevedra foi realizada pola empresa ACEVI grazas a un orzamento de 218.682 euros e financiouse nun 80% a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).