Os ases do ‘street basket’ xa quecen pulso para o XVIII Torneo Urbano 3×3 de Baloncesto de Pontevedra

32
  • O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destaca “o poder de convocatoria dun evento deportivo capaz de reunir a uns 400 baloncestistas e a 60 equipos na ‘cancha’ da Praza de España”
  • Os gañadores na competición de triplas participarán con xogadores profesionais no concurso solidario EncestaRías, convertindo as canastras en kilos de comida para o comedor de San Francisco

Os ‘jugones’ do baloncesto pontevedrés xa quecen pulso para a XVIII edición do Torneo Urbano 3×3 que se celebrará este sábado na nosa cidade. O clásico de verán do ‘street basket’ organizado polo CB Arxil foi presentado hoxe pola adestradora deste clube, Maite Méndez; o conselleiro executivo de Diario de Pontevedra, Antonio de Cora; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen destacou “o poder de convocatoria dun evento capaz de reunir a uns 400 baloncestistas e a 60 equipos (ao redor de 30 sénior e outros 30 de categorías base) na ‘cancha’ da Praza de España”.

Ademais dun Torneo 3×3 no que participarán equipos de entre tres e cinco xogadoras e xogadores de categorías benxamín, minibasquet, infantil, cadete, xúnior e sénior masculino e feminino, tamén terá lugar un concurso de tiros libres (para os equipos inscritos en benxamín, minibasket e infantil) e o Trofeo Thiago Gómez Lor de triplas (para os apuntados en cadete, xúnior e sénior). A competición deportiva desenvolverase ao longo do día, entre as 11.00 e as 14.00 horas na quenda de mañá, e de 16.00 a 21.00 horas, na de tarde.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, botando unha pelota de baloncesto durante o acto de presentación.

Entregaranse premios a tódolos clasificados en primeiro e segundo lugar de cada categoría e tamén galardóns de carácter individual os campións e subcampións dos torneos de triplas e tiros libres. 

Segundo explicou Maite Méndez, a principal novidade desta edición do Torneo Urbano 3×3 será que “o gañador da competición de triplas participarán no concurso de triplas solidario EncestaRías”.

Segundo explicou, “o desenvolvemento deste último torneo terá dúas fases previas, tanto en Pontevedra como en Vilagarcía”, nas que os participantes lanzarán tiros de tres puntos nun minuto, até un máximo de tres tentativas por cada fase previa. “Por cada intento -subliñou- deberán aportar un kilo de alimentos non perecedeiros. O gañador/a de cada fase previa clasificarase para outra fase (semifinal), que terá lugar o sábado 7 de setembro en Vilagarcía”. 

Cartel do evento, cos patrocinadores e entidades colaboradoras.

Triplas benéficas

Os campións disputarían a final do concurso de triplas nesa mesma tarde, antes da final do V Torneo EncestaRías, competindo ante un tirador de cada un dos catro equipos participantes no mesmo: Obradoiro, Alba Berlín, San Pablo Burgos e Real Betis. Tal e como indicou Méndez, “tódalas canastras convertidas polos participantes na final tamén se convertirán en kilos de alimentos que se sumarían aos acumulados durante as fases previas e que se entregarían a una asociación benéfica (no caso de Pontevedra, acordouse coa Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, que fose o comedor de San Francisco, entidade que atende as necesidades de 140 persoas ao día).

Ademais de entregárselles trofeos e medallas, os campións de cada categoría tamén recibirán un lote de productos das empresas patrocinadoras do evento. Tamén haberá un premio económico cunha contía máxima de 500 euros a repartir entre os dous primeiros clasificados en categoría sénior.

O Torneo Urbano 3×3 xogarase a unha soa canastra, en formato liga (todos contra todos a ida ou a ida e volta) e en grupos de entre 4 a 12 equipos en función da categoría e do sexo. Os equipos mixtos encadraranse nos grupos masculinos.