A reforma do Gorgullón continúa coa demolición da beirarrúa da avenida da Estación

167
  • É un proxecto de mellora da obra que pretende dar uniformidade a este treito, entre o Gorgullón e a zona de estancia da rotonda da avenida Josefina Arruti.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A obra da rúa do Gorgullón do Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos dunha das melloras que a empresa E.C.Casas presentou na súa oferta: a reforma da beirarrúa da avenida da Estación, entre o Gorgullón e a zona de estar situada na glorieta da avenida de Josefina Arruti.

O proxecto inclúe a demolición da beirarrúa actual, xa retirada, que será substituída por un pavimento igual á zona de estancia creada na glorieta de Josefina Arruti, e similar aos acabados do Gorgullón. Completarase a intervención rematando o valado cara ao Gafos no último tramo da rúa que agora carece de varanda.

Esta intervención está incluída dentro das melloras da obra da rúa Gorgullón que deberá estar rematada cara finais do mes de outubro e que nestes momentos traballa na rúa do Muíño, que se convertirá en peonil.

A reforma da rúa Gorgullón está financiada nun 80% a cargo dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Sostible e Integral (EDUSI) Máis Modelo Pontevedra presentada polo Concello de Pontevedra en 2015 e aprobados en 2016.

O proxecto

O proxecto de reforma da rúa Gorgullón inclúe:

  • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina.
  • Invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
  • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
  • Renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
  • Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.

Entre os elementos singulares do proxecto están:

  • Crear unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
  • Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.
  • Praza en Eduardo Pondal. Nova zona de estancia con arborado (Gyngkos), mobiliario e novo pavimento, e creación de bancadas.
  • Praza na cabeceira da avenida da Estación. Cambiará o entronque coa avenida da Estación que deixa de ser perpendicular para mellorar a accesibilidade e co fin de mellorar tamén a conexión coa senda do Gafos.

A empresa E.C.Casas foi a adxudicataria da obra cun orzamento de 1.258.629,17 euros.