Acto de recoñecemento aos homenaxeados na XX edición da Feira Franca

6

 O feito de que hoxe esteamos aquí, homenaxeando a persoas e entidades que durante 20 anos pularon pola Feira Franca, xa fala por si mesmo do éxito desta cita. Un éxito que se consolidou grazas ao esforzo e creatividade dun equipo de historiadores e investigadores, primeiro, e á implicación e complicidade da veciñanza, despois. Esta homenaxe, ademais dos nomes propios de Natividad Barreiro, Antonio Alfonsín, Juan Juega e da Asociación Recreativa de Xeve, leva tamén os nomes de todas as persoas que durante estas dúas décadas asumistes como propia unha cita na que poñemos en valor o esplendor que Pontevedra tivo a finais do medievo. Esta homenaxe é, por tanto, un acto de agradecemento e parabenización a toda a veciñanza pontevedresa, un grande e merecido brinde colectivo.

Cando o 17 de maio de 1467, o rei de Castela, Enrique IV, lle concedía á vila de Pontevedra o privilexio de celebrar un mercado sen impostos, de 30 días de duración, facíao en virtude do papel central que Pontevedra tiña na economía do país. Pontevedra convertérase daquelas na principal cidade galega e destacaba pola vocación pesqueira do arrabalde mariñeiro da Moureira e pola actividade artesanal e mercantil da vila amurallada. Naquela época, vila e arrabalde, burgueses e mareantes, converteron Pontevedra nunha cidade activa, dinámica e aberta a todas as rutas, e o mercado sen impostos que se celebraba 15 días antes e 15 despois de San Bartolomeu, congregaba e reunía a trobadores, músicos, artesáns, comerciantes e arrieiros chegados de todos os puntos da nosa xeografía.

Se fomos quen de conseguir que esa parte da nosa historia como cidade fose coñecida a través dunha Festa multitudinaria e de referencia, mesmo declarada Festa Interese Turístico, foi grazas a un equipo humano que soubo establecer unha base histórica ben cimentada e difundila con rigor e respecto histórico, mais colectivizándoa de xeito lúdico e festivo. Unha peza clave deste equipo foi Juan Juega Puig, asesor fundamental da Feira Franca e do modelo de celebración que hoxe temos, e ao que lle debemos a achega do documento que recolle o privilexio real de 1467. Unha homenaxe máis que merecida a que hoxe lle rendemos. Mais tamén queremos simbolizar na súa figura o papel das persoas estudosas da historia local que a día de hoxe, en plena era da “super-información” e da “ultra-globalización” é, se cabe, máis valioso ca nunca.

Nesta crónica do nacemento e desenvolvemento da Feira Franca, o segundo chanzo, como mencionaba ao comezo, foi a resposta entusiasta da veciñanza de todo o concello. Como exemplo de fidelidade e complicidade con esta cita temos a Natividad Barreiro e Antonio Alfonsín, defensores da Feira Franca a través da participación activa durante 20 anos consecutivos. Representades o modelo que nos propuxemos acadar cando deseñamos unha celebración participativa e colectiva. A vosa boa disposición e talante son, ao mesmo tempo, inspiración e recompensa.

Ano a ano, a Feira foi medrando da man da hostalería, das mercerías, casas de costura e tendas de tecidos que nas semanas previas nos achegan as súas propostas de ‘moda medieval’, dos veciños e veciñas de toda a cidade e das parroquias, das asociacións, dos medios de comunicación, de multitude de pezas que van encaixando no grande equipo da Feira Franca. Tamén ano a ano, se foi incrementando o número de persoas que participan na recreación do transporte do viño que durante estas dúas décadas leva realizando a Asociación Recreativa de Xeve: comezaron sendo arredor dunha ducia de persoas na primeira edición e xa suman preto dun cento nos últimos anos. Exemplo, neste caso, dunha dinamización sociocultural fortemente consolidada na parroquia, que abrangue en moitos casos tres xeracións e que, como non podía ser doutro xeito, se basea na indagación histórica que entronca co papel que a parroquia de Xeve, e o Pazo de Gondar, tiña no comercio coa cidade. Representades o rigor histórico e o dinamismo sociocultural, dous puntais fundamentais do espírito da Feira Franca.

Mais o éxito que hoxe celebramos emana tamén da vontade política. A Feira Franca inscríbese nunha visión particular de entender a cultura: enraizada no coñecemento da historia propia, participativa, interxeracional, accesible a todo tipo de públicos e, tamén, hospitalaria e acolledora para con todas as persoas que durante dous días se desprazan a esta cidade.

Os 20 anos de Feira Franca inscríbense, e isto non é casualidade, no período no que Pontevedra foi quen de construír e escribir un relato propio, diferente, de vangarda. Pontevedra era unha vila de referencia fai máis de cinco séculos e medio, e Pontevedra volve ser hoxe, no ano 2019, unha cidade de referencia en varios aspectos, sendo un dos máis significativos o da recuperación dos espazos públicos para as persoas. A Feira Franca foi unha das primeiras manifestacións desta recuperación e, a día de hoxe, podemos enorgullecernos de vivir nunha cidade que dá nome propio a unha forma de relacionarnos co lugar que habitamos: o modelo Pontevedra.  E que da fe do tipo de sociedade que somos: unha sociedade avanzada, plural, culta e hospitalaria.

Os vindeiros 7 e 8 de setembro, 14 días despois de San Bartolomeu, volveremos abrir as portas da muralla para acoller a miles de persoas de novo, para darlles de beber e de comer, para bailarmos todos xuntos e todas xuntas, para poñer en valor a nosa historia e para gozar dunha cidade na que todas e todos nos sintamos a gusto, benvidos e seguros.

Longa vida á Feira Franca de Pontevedra!

Avenida de Santa María, martes 27 de agosto de 2019