O concelleiro Iván Puentes propón dotar dunha zona verde e dunha estación de servizo para bicicletas a parcela da gasoliñeira do Burgo

65
  • O responsable municipal da xestión dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre enmarca esta proposta no seu proxecto para “rexenerar e humanizar progresivamente as marxes do Lérez” 

O edil socialista Iván Puentes ten intención de dotar dunha zona verde e dunha estación de servizo para bicicletas a parcela que deixaría baleira a gasoliñeira situada na contorna da ponte do Burgo. Unha vez que Costas del Estado confirme a súa decisión de denegar a prórroga da concesión solicitada por Repsol, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural “explorará con tódalas partes interesadas a mellor solución para o estado definitivo da zona”, por suposto “en coherencia coa actuación que a Concellería de Obras Urbanas está a acometer na cabeceira Norte da ponte do Burgo”. 

Como responsable municipal da xestión dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) e da posta en valor das zonas naturais asociadas cos cursos da auga dos ríos, Iván Puentes entende que se trata dunha superficie que, unha vez se baleire, “debe destinarse aos obxectivos fundamentais de rexenerar e humanizar as marxes do Lérez e de xerar novos espazos verdes e de lecer para uso da cidadanía”. 

O plan para crear unha estación de servizos para bicicletas nesta parcela coincide cunha das demandas que o colectivo Pedaladas lle plantexou a Puentes nunha recente reunión. Segundo constata o concelleiro de Medio Natural, “a gasoliñeira atópase nun punto que moitos ciclistas empregan xa para a limpeza e inchado de rodas”, polo que resultaría proveitoso instalar alí “unha estación de servizo cunha toma de auga e unha bomba de aire”. 

Satisfación do tenente de alcalde

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Tino Fernández, amosou a súa “satisfacción polo feito de que o departamento de Costas del Estado estea a ter a sensibilidade de liberar para o uso e desfrute dos pontevedreses zonas de Dominio Público Marítimo Terrestre como esta”. “Esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez supón unha nova oportunidade de rexenerar e poñer en valor as marxes desa incrible contorna natural que conforman as marxes do Lérez e a Xunqueira de Alba”, subliña o voceiro do PSOE.