O Lampán dos xudeos acolleu a homenaxe da Feira Franca aos seus creadores e impulsores

27
  • Antonio Alfonsín, Natividad Barreiro, Juan Juega (a título póstumo) e a Asociación Recriativa de Xeve recibiron a homenaxe institucional ideada con motivo do XX aniversario
    da Feira Franca.

Antonio Alfonsín, Natividad Barreiro, Juan Juega e a Asociación Recriativa de Xeve foron homenaxeados esta semana no lampán dos xudeus, na praza de Santa María pola súa contribución e implicación na organización da Feira Franca durante os últimos vinte anos.

O acto contou coa actuación do alumnado de zanfona da E-Trad de Vigo e a continuación intervención de Carme da Silva, concelleira de Festas promotora da homenaxe. Logo de entregar os agasallos institucionais aos homenaxeados, pechou o acto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a actuación musical  do alumnado de zanfona.

O Consello Aberto, formado por asociacións que participan directamente na festa, decidiu homenaxear ao historiador Juan Juega Puig a título póstumo (estará representado pola súa viúva, Pilar Rosales) como recoñecemento pola súa contribución, desde a disciplina da Historia, ao proxecto inicial da propia Feira Franca. Hai que lembrar que Juan Juega Puig, falecido en 2018, era licenciado en Historia pola USC e tiña elaborado e publicado numerosos estudos históricos sobre a cidade e a súa contorna, tanto a nivel individual como colectivo. Destacan edicións como “Historia de Pontevedra”, “A historia de Galicia nos seus textos” ou “El comercio marítimo de Galicia, 1525-1640”, no que trataba cuestións históricas como as rutas comerciais da sal, do viño ou do peixe.

O Consello Aberto tamén decidiu homenaxear a nivel particular á parella formada por Antonio Alfonsín Alfonsín e Natividad Barreiro González pola súa especial implicación con esta cita ao longo destas dúas décadas consecutivas, como exemplo de participación activa, de defensa, identificación e complicidade cos valores da feira.

En canto ás entidades, o recoñecemento recae na Asociación Recreativa de Xeve pola súa intervención activa no tradicional desfile ao que levan contribuíndo desde os inicios, coa xa tradicional recreación do transporte e entrada do viño na cidade. Unha achega que xa se converteu nun espectáculo esperado polo público, e que se caracteriza pola combinación da realista caracterización, o colorido e a música.