O CN Sabadell lévase ás perlas da canteira do waterpolo pontevedrés Álex Andión e Diego Touriño

75
  • Tino Fernández recibiu a estas xóvenes promesas e amosou a súa satisfacción “ao ver que o Club Waterpolo Pontevedra estea a producir xogadores nos que se fixan equipos tan importantes”

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu hoxe aos waterpolistas xuvenís Alejandro Andión e Diego Touriño, ambos nados en 2003 e pertencentes á canteira do Club Waterpolo Pontevedra, que veñen de ser fichados por un dos equipos máis importantes de España nesta disciplina, o Club Natación Sabadell. O edil socialista, que compareceu ante os medios acompañado por estas dúas xóvenes promesas; o presidente do CW Pontevedra, José Tellería, e o seu director técnico, Javier de Sáa, amosou a súa satisfacción “ao ver que o clube da nosa cidade está a producir xogadores nos que se fixan escadras tan importantes”.

Fernández lembrou que se trata de deportistas de categoría xuvenil, dos que só agarda “que aprendan moito e aproveiten o tempo que van estar en Cataluña” e que “se volvan pasar de novo dentro dun ano polo Concello” xa como xogadores de primeiro nivel. O edil de Deportes aproveitou tamén a ocasión para avanzarlles aos directivos do CW Pontevedra que o seu departamento está a axilizar ao máximo tódalas xestións para que poidan “cobrar as subvencións pronto”.

Diego Touriño tivo unhas palabras de agradecemento para os seus adestradores Kike García, co que ambos comezaron como alevíns, e Javi de Sáa, “xa que sen eles non poderiamos ter acadado isto”. Pola súa banda, Álex Andión avanzou que marchan para Sabadell coa esperanza de cumprir os seus soños, desfrutar ao máximo e vivi-la aventura”.

O presidente do clube pontevedrés admitiu que “dende o punto de vista deportivo” debilitounos considerablemente de cara á tempada 2019-2020 a baixa de Álex e Diego, xa que “a pesares da súa xuventude, ambos tiveron un papel moi relevante na consecución de varios títulos do equipo, como a liga e a copa galega en categoría absoluta, sendo entón aínda xogadores cadetes. “Álex foi nomeado mellor xogador do Campionato de España Xuvenil de segunda categoría que se disputou en Marín a finais de xuño”, apuntou José Tellería.

Colaboración para ‘stages’

Non obstante, Tellería non puido agochar o seu “orgullo porque o Sabadell veña a buscar xogadores a esta esquiniña de España, apartada do resto do waterpolo”, o que significa que “algo debemos de estar a facer ben”. O presidente do CW Pontevedra explicou que, aínda que non hai unha contraprestación económica pola fichaxe das xoias da súa canteira, “máis aló do orgullo e visibilidade que supoñen que se fixen en nós”, si se abriu unha vía de colaboración “para que outros rapaces e rapazas de categorías base poidan ir realizar algún ‘stage’ alí a Sabadell, de xeito que lles serva de motivación e vexan un waterpolo de maior nivel”. 

O director técnico do equipo pontevedrés amosouse absolutamente convencido de que tanto Álex como Diego “van triunfar no seu novo clube, xa que teñen as cualidades para facelo”.