A caravana morada ‘tunearase’ de medieval para garantir unha Feira Franca sen abusos nin agresións

51
  • Unha equipa formada por unha psicóloga, un axente de igualdade e cinco voluntarios protagonizarán unha nova campaña de sensibilización e velarán pola seguridade das mulleres nesta festa

Trala boa acollida que a iniciativa impulsada pola Concellería de Igualdade tivo durante as festas da Peregrina, a caravana do Punto Morado regresará ás rúas de Pontevedra esta fin de semana, coincidindo coas celebracións da Feira Franca, co obxectivo de garantir unha festividade sen agresións nin abusos sexuais contra as mulleres. O vehículo, que estará ubicado unha vez máis nas inmediacións das escaleiras de San Francisco, ‘tunearase’ de medieval para ocasión, lucindo unha decoración con bandeirolas moradas, tea de saco e feixes de palla.

Unha psicóloga, un axente de igualdade e unha equipa de cinco voluntarios desenvolverán na xornada do sábado esta nova campaña municipal de información e sensibilización contra as violencias machistas, en horario de 20.00 a 4.00 horas. Tal e como explica a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, “á marxe do atrezzo de época que lucirá a caravana morada, repartiranse flyers informativos, dípticos, pegatinas e pulseiras deseñados para a ocasión”. 

“Agardamos que todo discorra sen incidencias, como aconteceu nas festas da Peregrina -sinala a socialista-, pero hai que ser conscientes de que queda moito traballo por facer, sobre todo para erradicar determinadas condutas machistas, e a presenza da caravana nas rúas segue a ser, por desgraza, esencial”.

Aínda que durante as festas grandes de agosto non rexistraron denuncias por casos de acoso ou agresión sexual, a equipa do Punto Morado si interviu para acompañar ás súas casas, a petición das mesmas, a dúas rapazas de 16 e 24 anos. En opinión de Paloma Castro, estas solicitudes de compañía na volta á casa puxeron de manifesto o importante efecto de seguridade e protección que produce a presenza da caravana na contorna da Peregrina.

Non obstante, durante as festas grandes de agosto a equipa do Punto Morado levou a cabo unha intensa actividade informativa e de concienciación que culminou co reparto de 3.500 flyers polos locais de ocio nocturno e comercios da cidade, así como doutros 2.200 na propia caravana e nas rúas de Pontevedra. Asemade, distribuíronse 2.500 pegatinas, uns 2.000 dípticos e 3.000 pulseiras, e deuse resposta ás numerosas consultas efectuadas, non só por mozas e mozos (algúns deles de tan só 18 anos), senón tamén por mulleres e homes (a idade máxima foi de 55 anos).

Tamén se atenderon dous avisos cidadáns sobre mulleres que se atopaban en estado de desorientación por embriaguez. En ámbolos casos, os voluntarios acoderon ao lugar, pero os respectivos grupos de amigos das rapazas xa se organizaran para acompañalas a casa.