Tino Fernández cumpre a súa promesa de poñer ao día no cobro das subvencións aos clubes deportivos

22
  • A Concellaría de Deportes xa está a aboar a 57 equipos da cidade os 300.000 euros de axudas de 2017 e o vindeiro luns irá a Xunta de Goberno a aprobación dos 300.000 correspondentes a 2018

Apenas dous meses e medio despois de tomar posesión como concelleiro, o tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández está a cumprir coa súa promesa electoral de poñer ao día no cobro das subvencións anuais aos clubes deportivos de Pontevedra. A Concellaría de Deportes, que dirixe o edil do PSOE, xa está a aboar aos 57 equipas ás que se lles concederan os 292.846,48 euros de axudas de 2017 e o vindeiro luns levará a Xunta de Goberno a aprobación das correspondentes a 2018.

Segundo precisou Tino Fernández, nestes intres “xa cobraron unha trintena” de clubes pontevedreses “e os restantes só están pendentes de pequenos trámites como a presentación dalgún documento ou dun visto bó do servizo municipal de Intervención”. Trátase de cantidades que oscilan entre os 22.149,64 euros que cobra o Teucro, os máis de 18.000 euros que reciben Cisne e Arxil, os 17.993,85 do Leis 26 FS ou os 16.409 euros da Sociedade Ximnástica e os arredor de 1.000 euros que se lle aboan a equipas como o Cerponzóns CF, o Club Ciclista Farto ou o Mareantes RCP.

Asemade, o concelleiro de Deportes acelerou os trámites para que o vindeiro luns se inclúa na orde do día da Xunta de Goberno a aprobación da convocatoria anual de 2018 por un importe de 300.000 euros. Fernández ten a intención de que estas axudas se cobren “antes de que remate o ano, a ser posible, antes de decembro”, e comprometeuse a que, unha vez se resolvan as subvencións de 2018, tamén se axilicen o máximo posible as do ano 2019”.

“Os clubes, pequenos e grandes, conforman os piares que fixeron de Pontevedra unha cidade con tanto arraigo e tradición deportiva. Que as nosas equipas cobren as subvencións en tempo e forma é unha prioridade para esta Concellaría. Agardo que pronto poidan estar aboadas as axudas de 2018, polo que os clubes contarían cunha cantidade global de 600.000 euros antes de rematar 2019”, salientou o tenente de alcalde.

Melloras nas Escolas Deportivas Municipais

Por outra banda, Tino Fernández avanzou que o Concello tamén está a piques de convocar a comisión de valoración das axudas do período 2019-2020 para o funcionamento das Escolas Deportivas Municipais (EDM), de xeito que as entidades solicitantes as poidan cobrar “a mediados do mes de outubro”. Tal e como explicou, este programa de iniciación deportiva dispuxo dunha financiación de 142.000 euros para cubrir as 2.400 prazas de 2018-2019, dos que 108.000 euros se destinaron ás 1.800 prazas das EDM da cidade (uns 60 euros por neno inscrito), 24.000 ás 600 das EDM rurais (uns 40 euros por rapaz) e 10.000 ás de grupos especiais. 

Fernández anunciou “cambios e melloras considerables nas axudas das EDM” para o período 2019-2020, así como a intención do Concello de Pontevedra de buscar “alternativas que permitan que os clubes poidan cobrar as subvencións anuais con maior axilidade, no mesmo ano, a partires de 2020”.