A urbanización da finca da ONCE entra na recta final da súa tramitación

89
  • A Comisión de Urbanismo tivo coñecemento hoxe do plan de Urbanización proposto pola ONCE para a parcela da súa propiedade en Campolongo.
  • A aprobación por Xunta de Goberno, exposición pública, informe aeronáutico, son os trámites pendentes.

Cada vez está máis preto o desenvolvemento urbanístico dos terreos da ONCE en Campolongo. A Comisión de Urbanismo aprobou tivo coñecemento esta mañá do proxecto de urbanización dos terreos (duns 35.000 m2) presentado pola ONCE no que se recolle a apertura dun novo vial que conectará Campolongo coa avenida de Vigo, dando servizo ao actual colexio da ONCE, ao Centro Sur e ao instituto Torrente Ballester, que disporá dunha conexión peonil, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, tras a reunión da Comisión.

Este proxecto de urbanización terá que estar a exposición pública un mes e deberá ter autorización aeronáutica (dado que Pontevedra está baixo a influenza do aeroporto de Vigo). Pasado estes trámites, aprobarase definitivamente o proxecto e poderá empezar a primeira fase desta urbanización, que se desenvolverá en catro partes.

A primeira valorada en máis de 550.000 euros, consistirá na apertura do novo viario entre Campolongo e A Corva, para conectar coa avenida de Vigo.

Este proxecto de urbanización da parcela é froito dun convenio asinado entre Miguel Carballeda, presidente da ONCE, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en xullo de 2018 para acadar un crecemento ordenado en Campolongo, eliminando a barreira que supón a actual finca da ONCE, e creando diversos accesos axeitados e próximos á nova zona administrativa.

A historia dunha urbanización

O acordo entre o Concello de Pontevedra e a ONCE data de 2006 para actuar sobre unha finca duns 35.000 metros cadrados cualificada urbanisticamente como equipamento. Prevía a recualificación urbanística de grande parte desta parcela e a segregación de distintas fincas:

  • Unha de 884 metros cadrados que se incorporou á Unidade de actuación Urbanística 25 (próxima a Alfonso X)
  • Unha de 3.600 metros cadrados, que é a que ocupa a residencia (na actualidade propiedade municipal).
  • Unha de 400 metros cadrados permutada ao Concello no ámbito da Corvorana, e que xa foi cedida á Fundación Xoán XXIII para a creación do seu centro ocupacional.

O convenio prevía a permuta da residencia ao Concello, que á súa vez entregaba unha parcela na Unidade de actuación 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) para que a ONCE construíse un novo centro de recursos e un estacionamento.

A operación urbanística tamén incluía unha recualificación da parcela matriz da ONCE para aproveitamento urbanístico (edificable). Nesta modificación prevíase como compensación, a posterior entrega ao Concello do actual colexio, unha vez construído o novo edificio en Doce de novembro.

No momento de impulsar o proxecto, a ONCE topouse en plena crise da construción. Tivo, polo tanto, serias dificultades tanto para levantar o novo edificio como para pór a disposición os terreos edificables. Polo tanto, resultoulle de difícil cumprimento o actual convenio.

Situación actual

Ante esta situación, a ONCE solicitou un cambio de convenio mantendo as premisas iniciais: seguir abrindo a cidade cara o sur, polo que se manterá a modificación urbanística do Plan neste ámbito, e tamén manter a ONCE na cidade no mesmo espazo no que xa existen outros equipamentos como o Centro Sur ou o ximnasio.

No cambio do convenio, o Concello recupera a parcela da Unidade 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) que poderá empregar para outros usos dotacionais, e a ONCE quédase co colexio que reformará para as súas necesidades.

Ao mesmo tempo, mantense a modificación do Plan para que exista un aproveitamento urbanístico da parcela matriz da ONCE, cuxo proxecto de urbanización está previsto desenvolver en tres fases:

  • A primeira é a construción dun vial que permita conectar a zona administrativa de Campolongo co ámbito co IES Torrente Ballester, costeada pola ONCE cun orzamento de 551.287 euros.
  • A seguinte é darlle continuidade a esta vía até San Brais
  • A última é a propia urbanización da parcela, onde o Concello obterá edificabilidade pola diferencia de valor entre a parcela do Colexio e a da U-18.