Aprobado o procedemento de contratación do vial de Monte Porreiro

22
  • Terá un prazo de execución de 9 meses e un orzamento de 1.137.280,50 euros
  • O proxecto inclúe a ordenación da zona dos Campos integrando zonas verdes e dándolle carácter de praza pública
  • Esta vía mellorará a integración de Monte Porreiro na cidade e a mobilidade peonil e de vehículos nesta zona

A Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio do procedemento de contratación do vial de acceso a Monte Porreiro que, toda vez sexa adxudicado, terá un prazo de execución de 9 meses. Así o anunciou esta mañá a concelleira Carme da Silva, quen lembrou que o orzamento deste proxecto ascende a 1.137. 280,50 euros.

A concelleira explicou que este vial “ten unha función moi importante de cara a integración de Monte Porreiro na cidade, para facilitar o acceso e a mobilidade de vehículos, pero tamén ten outra parte salientable que é o tratamento que se vai facer na zona dos Campos”. Da Silva asegurou que a área dos Campos vai pasar de ser ” unha zona cun tratamento como de cruzamento” para converterse “nunha gran praza pública”, grazas a unha intervención integral que ordenará todo o espazo integrando zonas verdes e funcionando como “unha entrada” a Monte Porreiro. 

Carme da Silva lembrou que para este proxecto se subscribira un convenio coa Deputación mediante o cal o organismo provincial se ocupou da expropiación dos terreos e o Concello asume o compromiso da execución da obra. O vial, de 605 metros, terá dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros, e incluirá os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra.