As promesas do fútbol base pontevedrés daranse cita esta fin de semana no IV Torneo F8 Virxe Peregrina

44
  • A competición organizada coa colaboración da Concellería de Deportes contará cunha trintena de equipas benxamíns e alevíns

Unha trintena de equipas de categorías benxamín e alevín participarán esta fin de semana no IV Torneo de Fútbol F8 Virxe Peregrina, organizado polo clube Integración Deportiva Pontevedra grazas á colaboración do Concello e da Deputación provincial. O evento, presentado hoxe polo presidente desta entidade, Fernando Moreno, e o concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, desenvolverase no terreo de xogo do centro Príncipe Felipe e contará  coa presenza das equipas base de diversos clubes senlleiros do municipio, como o Lérez, a ACD A Seca, o Salgueiriños CF, o Marcón Atlético e a SCD Salcedo, ademais do propio Integración.

No torneo tamén tomarán parte clubes procedentes da nosa contorna, incluíndo as comarcas do Salnés, Deza, Arousa e O Morrazo, como o Caldas CF, a EF Vila de Marín, a ED Arousa, a SD O Grove, o Catoira SD, a EFB Vilanova, o CD Mosteiro, a EFB Moañesa, a SD Pontearnelas e o Poio. Tal e como explicou o concelleiro de Deportes, os encontros da categoría benxamín contarán con vinte equipas e terán lugar durante a xornada do sábado día 14, mentres que “para a categoría alevín hai 14 clubes inscritos, que tomarán o relevo o domingo 15”.

Tino Fernández amosouse moi satisfeito de que este torneo xa acadase os catro anos de vida, “servindo ademais como pistoletazo de saída para o inicio da tempada futbolística”. “Quero salientar -subliñou o socialista- a importancia de que o fomento da actividade física se realice dende as etapas máis temperás, potenciando valores como a solidariedade, o respecto e a integración”.

En opinión de Fernández, a organización deste tipo de actividades “é tanto ou máis importante que os grandes eventos”, xa que “sen esa masa crítica que supoñen os nosos clubes, non poderiamos pensar en celebrar eses grandes eventos”.

Pola súa banda, o presidente do clube organizador celebrou o feito de que “cada vez veñen máis equipas a xogar este torneo”, que significa “un día de integración, de estar todos xuntos”. Esa é precisamente a filosofía da entidade que preside e que se constituíu hai catro anos: “Que tódolos rapaces, con independencia dos recursos dos seus pais, poidan facer deporte”.

A actividade futbolística desenvolverase no Príncipe Felipe en horario de 10.00 a 20.00 horas, tanto o sábado como o domingo.