Reunión cos residentes do Castañal para presentarlles o proxecto de reforma do barrio

86
  • O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez reúnese ás 20.30 horas no Centro Leste para informarlles da tramitación actual do proxecto que se atopa en fase de contratación.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantén esta tarde unha reunión con veciños do  Castañal para presentarlles o proxecto de reforma do barrio incluído dentro da remodelación de Loureiro Crespo. A reunión será ás 20.30 horas no Centro Leste.

Explicaralles que neste momento o proxecto está en fase de contratación, recibindo os informes preceptivos de cada servizo municipal para iniciar o proceso de licitación.

A reforma da rúa Loureiro Crespo e do Castañal ten un orzamento de 2.557.256 euros e un prazo de adxudicación de 11 meses. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros. As melloras consisten na pavimentación das rúas: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas.

O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas:

  • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos. Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.
  • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos. Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.
  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.

No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal.

As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.

O resto de rúas: Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo.

A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas.