A Champions League da petanca comeza a andar este sábado coa disputa da Copa Cidade de Pontevedra

27
  • Nove equipas do municipio competirán ata o 9 de novembro neste evento, organizado coa colaboración da Concellería de Deportes

Tralo éxito acadado en agosto coa celebración da I Festa da Petanca, nove equipas do municipio disputaranse entre este sábado, 14 de setembro, e o día 9 de novembro a Copa Cidade de Pontevedra de petanca, un evento deportivo que o voceiro do colectivo organizador, Raimundo Argibay, calificou como unha “Champions League” da especialidade. A competición foi presentada hoxe nas pistas ubicadas a carón do Pazo Provincial polo propio Argibay e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, coa presenza da edil de Promoción Económica, a tamén socialista Yoya Blanco.

Tanto Fernández como Blanco aproveitaron a ocasión para amosar as súas habilidades neste deporte, que como o tenente de alcalde salientou, “converteuse en estratéxico dentro das liñas de actuación do Concello”, ao permitir “facer unha actividade física a persoas que doutro xeito non farían deporte”. “Vimos de celebrar Festa da Petanca, agora vaise disputar a Copa -sinalou- e despois virá a Liga. A idea é que este caldo de cultivo que está a xurdir en Pontevedra arredor da petanca se incremente e que o ano que ven teñamos máis equipas xogando e unha liga aínda máis potente. Estamos facendo un mapa dos terreos que temos, co obxectivo de ilos aumentando alí onde vexamos que hai afección a este deporte e se precisen”.

Raimundo Argibay subliñou que esta “Champions de petanca”, que chega á súa terceira edición, conta con “tres grupos de equipas que compiten entre si”, clasificando para a fase final “o primeiro de cada grupo e o mellor segundo dos tres grupos”. Esas semifinais disputaríanse a ida e volta, mentres que a final sería a un só partido.

En concreto, os nove clubes participantes serán Amigos de Campolongo, Centro Social de Pontevedra, O Mirador de Monte Porreiro, Santa María de Xeve, O Pote de Mourente, Verducido, Salcedo, O Carballo de Mourente e A Corticeira de Bora.