Medio Natural activa o proxecto para destapar o treito urbano do río dos Gafos que discorre por Campolongo

7
  • O concelleiro socialista Iván Puentes e a diretiva de Vaipolorío acordan seguir unha folla de ruta, que incluiría un informe de viabilidade, unha memoria económica e un plan integral de rehabilitación
  • O edil do PSOE lembra que existe unha achega de máis de 600.000 € dos fondos europeos DUSI para a rexeneración de marxes fluviais

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, contempla como “obxectivo prioritario” para este mandato o destape e o saneamento do treito urbano do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo. Así llo transmitiu hoxe ao presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, nunha reunión na que tamén estiveron presentes o tenente de alcalde, Tino Fernández, e o vicepresidente do colectivo ecoloxista, Ramón López.

Para facer realidade este ansiado proxecto, Puentes e os directivos de Vaipolorío marcáronse unha folla de ruta con tres pasos: a elaboración dun informe de viabilidade da actuación; unha memoria de valoración das obras, e o deseño dun proxecto de rehabilitación integral para todo o treito  dos Gafos que vai dende a avenida de Vigo até a súa desembocadura, nas Corvaceiras. “Con independencia de que posteriormente teñamos que dividir por treitos e actuar en cada parte -explicou o edil do PSOE- será necesaria unha proposta integral para sanear o río, humanizalo e naturalizalo, así como darlle un tratamento que permita o uso e desfrute da cidadanía”.

Tal e como subliñou, aínda que o Concello “non dispón de capacidade financieira para executar o 100% das obras”, si existe “unha garantía para que se poida poñer en marcha, xa que temos nas nosas mans unha parte das achegas da estratexia europea DUSI: hai aprobados máis de 600.000 euros para a rexeneración das marxes fluviais nos treitos máis urbanos”.

Trátase dunha importante contía económica que, segundo afirmou, permitiría cubrir o informe de viabilidade, a memoria e o deseño do proxecto, “e incluso quedarían cartos para executar parte das actuacións”. Non obstante, Iván Puentes tentará acadar a implicación doutras administracións públicas, como a Xunta de Galicia, posto que as súas aportacións serán moi importantes para garantir que se completan as diversas fases.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural avanzou que “xa se sondearon ofertas de varias empresas” de cara á elaboración do citado informe, e subliñou que “a vontade do Concello é a de destapar todo o río, sempre e cando sexa tecnicamente viable”. “Ogallá poidamos ver boa parte destapado antes de final de mandato”, engadiu.

Unha vella aspiración da asociación

O presidente de Vaipolorío amosouse moi satisfeito tras esta primeira reunión con Tino Fernández e Iván Puentes, na que quedou clara a intención do Concello de “cumprir coa vella aspiración da asociación de recuperar totalmente o río dos Gafos”. “Vemos que hai sintonía coa Concellería de Medio Natural neste sentido. Pontevedra leva xa un tempo amosando que non ve os ríos como recursos hídricos, senón como elementos vivos. A nosa cidade está a ser exemplar neste eido e Iván Puentes trasladounos que recuperar o Gafos é unha prioridade súa”, sinalou Gonzalo Sancho.

O encontro dos directivos de Vaipolorío cos concelleiros socialistas tamén serviu para abordar outros temas, como o amaño de diversas pontes en mal estado e o apoio municipal ás campañas de limpeza que o colectivo desenvolve. Neste eido, a Concellería de Medio Natural financiará e coordinará a XII Limpeza Simultánea de Ríos, unha xornada que terá lugar este mesmo mes e na que está implicad, ademais de Vaipolorío, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).