Peche do Rouco e restricións en Barcelos para conectar a rede de pluviais de ambas marxes da rúa

73
  • Os cortes de tráfico están previstos para os días 17, 18 e 19 de setembro dende as 09.00 horas até as 19.30 horas. Fora desa franxa horaria, a zona volverá á normalidade.

As obras de reforma da rúa Rouco afectarán ao tráfico rodado na praza de Barcelos na semana que vén. Os días 17, 18 e 19 de setembro a empresa adxudicataria da obra ten que conectar as canalizacións das augas pluviais entre os dous lados da rúa, polo que será preciso pechar o Rouco ao tráfico, e por conseguinte, afectará a toda a praza.

Para realizar estes traballos é preciso restrinxir o acceso rodado á praza de Barcelos agás residentes, garaxes e ao estacionamento soterrado. Tamén está previsto anular o acceso dende Benito Corbal cara a praza pola rúa Vasco da Ponte.

Nas tres xornadas o peche da rúa está previsto dende as 09.00 horas até as 19.30 horas, e fora desas horas a circulación na praza e na rúa volverá á normalidade.

Proxecto da rúa do Rouco

O proxecto da rúa do Rouco contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos urbanos no ámbito do centro escolar, o que supón a ampliación dos espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros; e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros.

A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros.

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (5 papeleiras, 7 bancos, e 10 aparcabicis), e a mellora da iluminación.