A visión estratéxica do ‘modelo Pontevedra’, protagonista na Semana da Mobilidade de Funchal

47
  • A concelleira de Promoción da Cidade será a encargada do primeiro relatorio da xornada de mañá, cunha intervención sobre os desafíos da mobilidade urbana
  • Pontevedra e Lisboa protagonizan a xornada principal en calidade de exemplos “de mobilidade que son unha referencia a nivel internacional”.

A Semana da Mobilidade de Funchal (Madeira) terá mañá, martes 17 de setembro, a xornada principal da súa programación cunha conferencia con representantes das cidades de Pontevedra e Lisboa por ser “as dúas cidades cuxas prácticas de mobilidade son unha referencia a nivel internacional”, segundo recolle a páxina web da cámara municipal. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, será a encargada de representar ao Concello pontevedrés, tal e como xa se anunciara, cun relatorio titulado “Os desafíos da Mobilidade: a visión estratéxica de Pontevedra”.

A xornada, que se desenvolverá entre as 9h e as 13h, leva por título “Cidades Sustentables: a importancia da Mobilidade na recualificación urbana e coesión territorial” e celebrarase na Sala da Asamblea Municipal da Cámara. A sesión de apertura correrá a cargo do presidente da Cámara Municipal, Miguel Gouveia, e de Bruno Martins, concelleiro de Mobilidade Urbana e Transportes, e a primeira intervención será a de Anabel Gulías. Posteriormente, intervirá o profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa, David Sousa Vale, que falará sobre “A importancia dos modos activos na humanización das cidades. Dinámicas entre o espazo construído e o benestar no medio urbano”. O panel complétase coa intervención do concelleiro de Mobilidade e Seguranza da Cámara Municipal de Lisboa, Miguel Gaspar, que falará sobre “A xesitón da mobilidade en Lisboa”.

O obxectivo xeral da xornada é o de debater e concienciar sobre a importancia de incorporar comportamentos de mobilidade máis sustentables e dilucidar novas solucións en termos de accesibilidade que poidan ser de aplicación no municipio de Funchal. Neste sentido, Anabel Gulías exporá os principais parámetros aplicados na cidade de Pontevedra para acadar a convivencia de formas diversas de mobilidade no espazo urbano, facendo un percorrido por cuestións como a priorización das persoas como usuarias preferentes dos espazos públicos, a mobilidade peonil, o calmado do tráfico, a eliminación do tránsito de axitación,  ou a habilitación de aparcadoiros disuasorios.