Concentración de repulsa polos tres asasinatos machistas en Valga

68

A Xunta de Goberno local vén de manifestar publicamente a súa repulsa polos tres asasinatos machistas cometidos esta mañá en Valga. Neste sentido, a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou que o Concello participará mañá na concentración institucional convocada para as 12h diante da Subdelegación do Goberno.

Anabel Gulías lembrou que as tres mulleres asasinadas esta mañá en Valga (a exmuller do detido como presunto asasino, de 39 anos, a exsogra de 59 anos, e a excuñada de 27 anos) suman 41 vitimas de violencia machista a nivel estatal no que vai de ano, sendo 5 delas galegas.

A portavoz do Goberno tamén demandou “medidas políticas e orzamentarias” encamiñadas a impedir a violencia e os asasinatos machistas, por considerar que as concentracións, aínda que necesarias, deben ir acompañadas de medidas efectivas e reais que atallen e preveñan a violencia de xénero e as súas consecuencias.