O Concello promove sesións informativas sobre a factura eléctrica e reclamacións ante os cortes de luz

28

O Concello prevé celebrar 5 sesións informativas coa veciñanza sobre a factura eléctrica e sobre posibles reclamacións ante os cortes de luz e os fallos no subministro. Así o anunciou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen indicou que as charlas terán lugar en Campañó, Lourizán, Monte Porreiro, e dúas na cidade. Informou que as datas, horarios e lugares exactos estanse organizando en función da dispoñiblidade dos centros sociais e que se farán públicos nos vindeiros días.

Estas sesións xorden da necesidade de abordar, conxuntamente coa veciñanza do concello, as posibles compensacións que a empresa subministradora de electricidade (Naturgy) debe asumir polos continuos fallos na rede e cortes de luz. Esta iniciativa chega despois dos continuados problemas no subministro que se sufriron nos últimos meses en diversos puntos da cidade e do concello e que foron o principal tema que o alcalde e e representantes de Naturgy trataron na reunión mantida o pasado venres. 

Na xuntanza, Miguel Anxo Fernández Lores xa lles trasladara aos representantes da empresa que as e os usuarios terían que ser resarcidos polos problemas derivados dos cortes de luz. Pola súa banda, desde a empresa comprometéronse a substituír 3 quilómetros de cableado, entre os que se atopan os tramos da rúa Lepanto  e da praza de Valentín García Escudero. Precisamente a concelleira Anabel Gulías informou que a compañía está actuando nestes dous tramos no día de hoxe, tal e como se comprometera, e que desde o Concello se fará un seguimento tanto destes traballos de substitución como dos demais comprometidos na xuntanza do pasado venres (cambiar as celdillas en Estribela e en Barcelos, e as substitucións en San Antoniño, Alcalde Hevia e no ámbito do Peirao), de cara a asegurar que a veciñanza poida dispoñer dun servizo de subministro eléctrico de calidade.