O embalse do Pontillón acolle o II Encontro Veciñal de Xeve

8

O embalse do Pontillón acolle esta fin de semana o II Encontro Veciñal no Embalse de Xeve, que comezará cunha competición de ‘rastrexo’ o sábado pola noite e continuará o domingo cunha gran xornada que inclúe unha andaina, un programa de xogos, xantar popular e música. Parte destas actividades son solidarias e nesta edición a recadación será destinada á Asociación de Axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (ASANOG) e á Asociación socio sanitaria educativa inflamatoria intestinal (ASSEII). O programa foi presentado esta mañá pola concelleira delegada da parroquia de Verducido, Pilar Comesaña, que estivo acompañada por representantes das asociacións organizadoras de Verducido e Xeve, e de representantes de ASSEII.

A programación comezará na noitiña do sábado cun mini rastrexo solidario, que terá un prezo de inscrición solidario de 3 euros por persoa e no que poderán participar 15 equipos  de entre 6 e 12 persoas. A temática deste rastrexo será “unha noite de medo” e as persoas participantes terán que ir superando probas ata chegar á meta da competición.

O domingo terá lugar unha andaina ciruclar que sairá do Pontillón ás 9:30h da mañá. Esta andaina ten unha dificultade media-alta, cun percorrido de 8,3 quilómetros e unha duración estimada de tres horas e media. Desde a organización amosaron a súa satisfacción coa acollida desta ruta, posto que na edición do ano pasado contaran con 200 persoas participantes, e para este ano contan con 300 anotadas.

Para as persoas que non participen na andaina prográmanse actividades de piragüismo, inchables, e unha xincana organizada por ASSEII. Nesta xincana, as persoas participantes, poderán experimentar, desde unha óptica lúdica e humorística, a convivencia cunha bolsa de ostomía. 

O programa inclúe unha paella solidaria a partires das 14h, e como remate a música do Coro Amizade de Xeve, Xeve’s Sons, e as Pandereteiras de Verducido.