O Concello completará os cadros 
de persoal municipal para mellorar 
a atención cidadá

65
  • Carme Fouces anunciou que se prevé acadar a taxa esixida por lei do 8% de temporalidade, cubrindo o maior número de postos posibles con funcionarios de carreira.
  • Na actualidade están en distintas fases a convocatoria de 38 prazas.
  • A Oferta de Emprego Público do ano 2020 incluirá, por primeira vez, oferta para persoas con discapacidade

O Concello de Pontevedra continúa adiante na súa aposta por modernizar a administración local, para o que é preciso completar os cadros de persoal dos distintos servizos. A concelleira de Persoal, Carme Fouces explicou esta mañá que esa foi unha directriz que trasladou o alcalde no seu discurso de investidura, e que segue o Servizo de Persoal dende o verán para conseguir baixar a taxa de temporalidade ao 8%. Con este obxectivo, a concelleira fixo balance das Ofertas de Emprego Público (OEP) que están vivas no Concello, así como a previsión para 2020.

Na actualidade o Concello ten en marcha procesos selectivos de persoal funcionario para cubrir as 38 prazas vacantes que corresponden á oferta de emprego público dos anos 2017, 2018 e 2019.

Correspondentes ao ano 2017, están convocadas 16 prazas:

  • -2 prazas de subalterno, ambas de acceso libre
  • 2 prazas de enxeñeiro informático, unha de promoción interna e outra de acceso libre
  • 1 praza de mestre electricista, de promoción interna
  • 2 prazas de oficial electricista, ambas de promoción interna
  • 1 técnico de conservación semafórica, de promoción interna
  • 8 prazas de operario, todas de acceso libre

Correspondentes ao ano 2018, están convocadas 6 prazas. 

  • 1 praza de inspector principal de policía, 
  • 5  praza de policía

Correspondentes ao ano 2019, están convocadas 16 prazas:

  • 12 prazas de policía
  • 2 prazas de bombeiros
  • 1 praza de técnico de Adminsitración xeral
  • 1 praza de subalterno do Pazo da Cultura

A plantilla da Policía e de Bombeiros

Do total desta convocatoria, Fouces indicou que unha das partes que máis se vai fortalecer é a plantilla de Policía, que cubrirá practicamente todas as vacantes. Explicou que é un corpo que consta de 125 efectivos e que quedarían media ducia de prazas pendentes por diversas casuísticas, como por exemplo por mobilidade horizontal. Segundo a lei galega, 1 de 4 prazas de policía que se convoquen deben ser para mobilidade entre concellos, polo que en moitos casos toman posesión no Concello de Pontevedra e volven marchar, sendo prazas que quedan sen o titular e que non se poden cubrir por interinos porque tampouco o permite a lei. 

No caso dos bombeiros, explicou que de 42 efectivos están cubertas 39 prazas, polo que quedan 3 pendentes por cubrir: unha de sarxento, unha vacante e unha próxima xubilación.

OEP de 2020

Carme Fouces informou, ademais, que nas vindeiras semanas se comezará a negociar as 14 prazas previstas para o ano 2020 e que, por primeira vez, se incluirán prazas para persoas con discapacidade.

A concelleira tamén explicou que este esforzo por cubrir estes postos permitirán baixar a taxa de temporalidade ao 8%, que é o que se esixe por lei, cubrindo o maior número posible de prazas con funcionarios de carreira. “Non podemos aínda dar o dato ata que rematen os procesos pero agardamos que para o principio do 2020 esteamos nesas cifras” asegurou Fouces. Como exemplo, citou que nestes momentos o Concello conta con 74 postos de administrativo, que é o dobre que fai 10 anos, dos cales para o ano que vén estarán cubertos practicamente o 100% con funcionarios de carreira. 

Deulle os parabéns ao servizo de Persoal porque ”está traballando a toda máquina, durante todo o verán, para que procesos que se soen facer en catro meses se fagan en mes e medio”. Indicou que o obxectivo é ter os procesos selectivos resoltos a finais de outubro, ou en novembro como moi tarde, e “fortalecer o músculo da Administración local para darlle á cidadanía o servizo que se demanda”.