Tomeza inicia o tratamento doméstico de bio residuos ‘de KM0’

110

“O máis importante é que a tonelada ou tonelada e media de materia orgánica que se produce en cada casa non vai ir ao camión do lixo, non vai ir en tren a Sogama, non se vai incinerar, polo tanto eses residuos non van producir contaminación no país e vanse aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda, co cal estamos falando de KM0”, así resumía Miguel Anxo Fernández Lores a filosofía esencial da compostaxe doméstica. Facíao na entrega do primeiro composteiro individual na parroquia de Tomeza, concretamente a Víctor Campos, propietario da Panadería San Pedro, ubicada no baixo da súa vivienda. 

O alcalde e o concelleiro coordinador do Rural, Alberto Oubiña, coñeceron de primeira man o proceso de entrega dos composteiros que inclúe unha charla de persoal técnico da Fruga, neste caso Ángeles Ríos, sobre a montaxe do composteiro, o seu uso, e a sinatura do documento no que o veciño se compromete a participar no programa de compostaxe. Neste sentido, Lores indicou que “é moi importante que a xente colla con cariño o composteiro, porque é un beneficio para eles, é gratuíto e, se se fai ben, sae un compost de alta calidade que non ole, que non molesta, e que ten un aproveitamento de abono para as plantas e para o xardín”.

A partires de hoxe e durante as vindeiras semanas, serán repartidos composteiros individuais, porta a porta, en todas as vivendas da parroquia de Tomeza. Primeiro entregarase nas vivendas que xa o tiñan solicitado e, posteriormente, continuarase ata completar as aproximadamente 354 vivendas da parroquia. O veciño ou veciña que recibe o composteiro debe asinar o documento de compromiso no momento da entrega, e uns días despois un técnico da Fruga achegarase ata o domicilio para explicarlle ou refrescarlle (no caso de que asistira ás charlas informativas) como se monta o composteiro, onde debe ser ubicado, como se usa, e cales son os residuos que deben ser compostados. Durante dous anos, técnicos da Fruga faran un seguimento en todas as vivendas que participan no programa de compostaxe para comprobar que os parámetros do proceso son correctos, en cuestións relativas a temperaturas, ausencia de insectos ou incidencias puntuais. Ademais das visitas programadas, os técnicos estarán dispoñibles para resolver as dúbidas que lle poidan xurdir á persoa usuaria durante o proceso.

Tomeza é a primeira parroquia na que se realiza o despregue de composteiros individuais, que continuará pola parroquia de Salcedo. Precisamente esta tarde, ás 20h na Casa Verde, terá lugar a última charla informativa da primeira fase (esta parroquia foi dividida en dúas fases debido ao gran número de vivendas). Á charla desta tarde está convocada a veciñanza do Campo da Porta, a Muimenta, o Casal, a Costa e o Cruceiro.