Deportes abre o prazo de preinscrición para o Curso de Ximnasia de Mantemento para Adultos 2019-2020

100
  • A actividade ten un custe de 30,60 euros por bimestre e impartirase no Pavillón Municipal de Deportes, en horarios de mañá e de tarde

A Concellería de Deportes, que dirixe Tino Fernández, abrirá mañá, ata o martes 24 de setembro, o prazo de preinscrición para o Curso de Ximnasia de Mantemento para Adultos 2019-2020, que como en anos anteriores terán lugar no Pavillón Municipal. O edil do PSOE lembra que, tal e como acontece coas Escolas Deportivas Municipais, “non é necesario facer cola para preinscribirse” e no caso de que exista máis demanda que oferta “procederase a un sorteo público, no que terán as mesmas posibilidades o que se apuntou de primeiro e o que o fixo de último”.

O curso terá un custe de 30,60 euros por bimestre e impartirase nos seguintes horarios: de 9.30 a 10.30 horas, de 10.30 a 11.30 horas, de 18.00 a 19.00 horas, de 19.15 a 20.15 horas, de 20.30 a 21.30 horas e de 21.30 a 22.30 horas. Nesta primeira fase de preinscrición só será preciso achegar un formulario oficial, tanto presencialmente, no Pavillón Municipal (rúa Xoán Manuel Pintos s/n), en horario de 08.30 a 13.30 e de 17.00 a 22.00 horas, como por internet, a través do Procedemento 207 da Sede Electrónica do Concello https://sede.pontevedra.gal.

Os listados provisionais de preinscritos en cada curso serán publicados o día 26 de setembro no taboleiro oficial do Pavillón Municipal de Deportes, na páxina oficial de Facebook ‘Deportes Pontevedra’, e na área de Deportes da web municipal. En caso de que alguén detectase incidencias ou erros, poderá comunicalo nesa mesma xornada en horario de 10.00 a 13.30 horas nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes (no mesmo Pavilllón), telefonicamente no 986 872 013 ou do correo electrónico admindeportes@pontevedra.eu.

Os listados dos cursos nos que a demanda supere á oferta serán anunciados expresamente para que as persoas interesadas poidan acudir, se así o desexan, ao sorteo, que terá lugar o día 27 de setembro, ás 9.00 horas, no Servizo de Deportes. O luns día 30 de setembro publicaranse os listados definitivos no taboleiro oficial do Pavillón, a páxina de Facebook ‘Deportes Pontevedra’ e na área de Deportes da web do Concello https://www.pontevedra.gal.

As persoas que figuren nos listados definitivos deberán achegar fotocopias do seu DNI e da Seguridade social ou seguro substitutivo, así como aboar a autoliquidación correspondente ao primeiro bimestre do curso (que será entregada na conserxería do Pavillón).