Ponteatro regresa ao Principal para achegar o mellor do teatro galego e en galego

182
  • Entre o 10 de outubro e O 19 de decembro, programaranse 5 espectáculos os xoves ás 21h. e 2 Venres Golfos, que adiantan a súa hora de inicio ás 23:00h.
  • Xa están á venda as entradas individuais e abonos para os 7 espectáculo en Ataquilla.com e na Casa da Luz.

A concelleira de Cultura Carme Fouces, presentou esta mañá unha nova edición do consolidado ciclo de Ponteatro que “achega á cidade o mellor do teatro galego e en galego.  Temos que gabarnos como cidade da resposta do público a estas convocatorias de teatro xa que é un dos programas que máis espectadores de media mete por espectáculo, sobre 400 persoas”

Carme apuntou tamén ao compromiso do Concello co teatro e de “traer o mellor das compañías como Voadora, Contraproducións, Excéntricas, Voadora, etc. actores e actrices e tamén a nivel dirección con Cándido Pazó, Marta Pazos, Quico Cadaval, Tamara Canosa,.. e moi variado: Clásico como “Commedia”, contemporáneo como “Liberto” ou danza galego-cubana con “Pink Unicorns”

O ciclo, contará como vén sendo habitual e con ánimo de achegar o teatro ao público máis novo, con dous pases concertados con alumnado de secundaria e bacharelato o mesmo xoves da representación para público en xeral pero ás 11:30 da mañá. Serán os espectáculos Pink Unicorns de La Macana e Bernarda de Malasombra Producións.

Como novidade, os Venres Golfos adiantarán a hora de inicio ás 23:00h mantendo a iniciativa dosdescontos nas consumicións para os asistentes a esta modalidade en locais de hostalería do Casco Vello: Marilyn, Chirala, Botica, Gramola,  Pequeño Karma e o Exotic Cocktail Bar.

As entradas individuais para cada espectáculo a prezos de 8€ (4€ reducido) e os abonos para os 7 pases a 42€ (28 para estudantes, parados e xubilados) xa están á venda anticipadamente en Ataquilla.com e a Casa da Luz.

De non esgotarse, estarán a venda dende unha hora antes do inicio do espectáculo na propia billeteira do Principal.

Xoves – 21:00h.

10 OUT- MEDIDA X MEDIDA DE SHAKESPEARE de Producións Teatráis Excéntricas con Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo y Víctor Mosqueira e dirixida e adaptada por Quico Cadaval

Palacios, cadeas, perversidade, corrupción, hipocrisía social, sexo e amor configuran esta valente comedia negra, en ton de thriller. A obra revela unha cara escura da sociedade que aínda está moi vixente

Sinopse: O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un mozo de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar  convento coa tentativa de salvar a súa vida. Palacios, cadeas e arrabaldos serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. Todo observado desde as sombras por un Duque Vincenzo, irrecoñecível baixo o hábito de frade mendicante.

24 OCT PINK UNICORNS de La Macana,

O punto de partida da nova creación de La Macana en colaboración con Samir Akika é un reto, o reto de pór en escena a un pai co seu fllo adolescente. O primeiro, un galego de orixe cubana que na súa ampla experiencia como bailarín nunca tivo que enfrontarse a un maior desafío que bailar cun compañeiro máis cercano. Pola outra banda, un espléndido, atlético e creativo rapaz de catorce anos, cheo de enerxía e de ganas de confrontar a súa perspectiva “millennial” co seu querido pai.

7 NOV BERNARDA de Malasombra Producións con Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja

Unha historia próxima, comprensible e universal, sobre unha muller dura e loitadora froito da vida que lle tocou: unha infancia na posguerra, a morte do marido, etc.. Fala tamén do choque xeracional que as veces produce situación duras e outras de risa e da lugar ao que a compañía deu en chamar humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.

Sinopse: 1975. Unha vila de Galicia. Bernarda queda viúva o mesmo día da morte de Franco.Quédanlle dúas fillas mozas e xemelgas . Bernarda decreta o estado de loito. Durante dous anos non poden ver a televisión, nin escoitar a radio, nin ler revistas. Durante dous anos só poden saír da casa para ir á misa, á tenda ou ao cemiterio. Durante dous anos as contras deben estar pechadas día e noite. Fóra, a sociedade da transición está cambiando. Dentro, Bernarda fai todo o posible para que eses cambios non entren na súa casa.

28 NOV – COMMEDIA de Contraproducións S.L

Dramaturxia e traballo textual: Cándido Pazó

Actores e Actrices: Victor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi, Sergio Zearreta

Reedición da peza estreada en 1993 que  acabou sendo un dos fitos do teatro galego.

Unha homenaxe para as vidas, profesionais e humanas, de todas as xentes de todos os oficios escénicos que botaron a andar e afianzaron o noso teatro.  Xoga criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.

Premios: Premios Compostela 93 Mellor Dirección e Mellor Espectáculo, Premio de la Crítica del País Valencià 1994, Premio de la A.I.T.A. de Alicante 1995, Premio María Casares ao Mellor Espectáculo 2019

19 DEC LIBERTO de Marelas Producións con Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao e dirixida por Tamara Canosa.

Finalista nos Premios Max na categoría de Autoría Revelación e Premio Butaca ao mellor texto teatral, Liberto é unha peza de Gemma Brió coa que nos achegamos á historia de Ada, unha nai que relata os 15 días de vida do seu fillo.

Liberto é un canto á vida desde a primeira persoa interpelando directamente ao público.

Un espectáculo que revisa os límites socialmente acordados. Un relato honesto de como xestionar a dor e de como seguir avanzando. Un proceso pegado ao primitivo, á conexión co noso animal e, por iso, contra todo prognóstico, cheo de vitalidade.

Venres Golfos – 23:00h.

18 OUT -HEMOS VENIDO A DARLO TODO de Voadora

A peza é o manifesto, o manual e o pacto de Voadora  coa experiencia escénica desde o brillo de todos os seus elementos: O movemento, a música e as imaxes. Un compromiso co teatro que se sinte, máis que co que se pensa, para o que precisan de todos os vatios, todo o talento e toda a imaxinación do mundo.

Voadora quere firmar co aquí e o agora, co inesquecíbel e con todas esas cousas que o espectador non pode atopar en ningún sitio máis que nunha sala de teatro.

22 NOV MEMORIAS DUN SER HUMANO  DISPERSO de Producións Dispersas

Esta peza de Diego Freire é un espectáculo cómico-musical, un cabaré absurdo protagonizado por un personaxe desubicado, disfuncional e un pouco esquizofrénico, que devece por escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido, a un lugar moi lonxano no que todo será diferente. Existirá tal paraíso?

Tempada de Teatro

No que a escena se refire, o Pazo da Cultura retomará o venres 27 ás 21h. a Tempada de Teatro no Auditorio do Pazo co espectáculo ‘Viejo Amigo Cicerón’ con Josep María Pou. As entradas para este ciclo que nos próximos meses achegará ‘El Precio’ ou ‘Perfectos Desconocidos’ entre outros espectáculos, xa están á venda tamén en Ataquilla.com