Pontevedra limitará a 10km/h a velocidade nas rúas de plataforma única

281
  • A medida será de aplicación para todo tipo de vehículos, co obxectivo de reducir ao máximo o risco de accidentes
  • O Concello publicará un libro sobre a transformación urbana da cidade desde o ano 1999 ata a actualdiade

Reducir a velocidade nas zonas de cohexistencia de plataforma única para reducir as probabilidades de accidente é o principal obxectivo da medida que adoptará o Concello para limitar a velocidade dos vehículos a 10 km/h (actualmente está limitada a 20 km/h). Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez, quen explicou que “está demostrado, a través de estudos, que canto maior é a velocidade do vehículo máis aumenta exponencialmente o número de accidentes e máis aumenta exponencialmente a gravidade deses accidentes”.

Demetrio Gómez asegurou que, a pesares de que en Pontevedra se reduciron a cero os mortos por atropelo e de que se producen poucos accidentes “seguen producíndose algúns e temos que seguir traballando para que non se produzan”. “Queremos que a cidade sexa aínda máis segura e que cunha sensación de seguranza aínda maior” indicou o concelleiro. Para isto, nas vindeiras semanas estudarase en que rúas exactas se aplicará esta medida, así como o tipo de sinalización precisa.

Explicou, ademais, que esta medida afectará a todo tipo de vehículos, non só a vehículos a motor, posto que “a rúa non é un lugar só para pasar, como sería o caso dunha estrada, senón que na rúa se fan máis cousas e os vehículos terán que adaptarse”. Entre as cuestións a ter en conta na convivencia entre vehículos e persoas, citou as diferentes casuísticas dos peóns, como por exemplo a mobilidade e capacidade de reacción dependento da idade ou da condición física, que varía moito segundo o peón sexa unha crianza, un adulto medio ou unha persoa maior. 

Publicación sobre o Modelo Pontevedra

A redución da velocidade de 20 km/h a 10 km/h é unha das principais conclusións dun estudo derivado da ordenanza sobre Mobilidade de Fernando Nebot. Demetrio Gómez anunciou que este estudo, que ten por título provisonal ‘Primeiro a cidade. A mobilidade en Pontevedra 1999-2019’, verá a luz en forma de publicación nas vindeiras semanas. 

A idea da publicación xorde da necesidade de contar cun documento que recolla a estratexia e os parámetros aplicados na transformación urbana da cidade e que é unha demanda constatada nas cidades e foros nos que leva participando Pontevedra para explicar o modelo de cidade. “Cando saímos fóra sempre se nos pide algún tipo de publicación que recolla todo o traballo que levamos feito” asegurou o concelleiro. Nesta publicación analízase todo o realizado na cidade durante os últimos 20 anos e “o que pon de manifesto é que ten que haber un cambio de paradigma, primeiro temos que saber que tipo de cidade queremos para poder aplicar as solucións técnicas para acadala” concluíu.

Semana Europea da Mobilidade

Tanto a publicación como a adopción da medida da limitación da velocidade en zonas de plataforma única enmárcanse na filosofía que procura a Semana Europea da Mobilidade. Neste sentido, Demetrio Gómez salientou que o lema deste ano, “Camiña con nós”, está na liña dos parámetros defendidos polo goberno municipal nesta materia. “Sabemos que os beneficios de camiñar son certos, que acadamos cidades máis saudables, con menos contaminación, e con comercio de próximidade” asegurou. 

Lembrou que o principal obxectivo da Semana Europea da Mobilidade é a conciencación da cidadanía e que nese ámbito en Pontevedra xa se ten moito avanzado pero que aínda hai que seguir dando pasos para continuar mellorando. 

Demetrio Gómez aproveitou para lembrar que Pontevedra segue participando activamente en foros e xornadas nas que o seu modelo de transformación urbana é unha referencia. Así, lembrou que despois da participación da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, na xornada de Funchal (Madeira) fai dous días, están previstas, para o mes de outubro, dúas intervencións: unha en Glasgow, o dia 8, e outra en Granada, o día 21, onde se dedicará unha xornada en exclusiva a estudar o Modelo Pontevedra.

Tamén deu conta dun novo recoñecemento á cidade polo seu modelo urbano que, nesta ocasión chega desde o Concello de Cangas. Demetrio Gómez asegurou que “se nos fai ilusión que nos chamen de Londres, máis ilusión nos fai que nos chamen desde Cangas, que todos sabemos que ser profetas na propia terra sempre foi complicado”.

Será mañá venres, ás 12h, cando o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o intendente da Policía Local, Danial Macenlle, se acheguen a Cangas, onde a Xunta de Goberno local acordou distinguir ao Concello de Pontevedra “polo traballo realizado en materia de seguridade viaria, de prevención e redución da accidentalidade nas vías urbanas e interurbanas, por incentivar a prioridade peonil, e por ser referente actual da mobilidade urbana sustentable, recoñecido sobradamente a nivel nacional e internacional”.