Andainas e un concurso de fotografía porán en valor a beleza natural de Pontevedra e a súa Ruta Xacobea

141
  • Os proxectos foron presentados pola edil delegada de Terras de Pontevedra, Yoya Blanco, acompañada polo voceiro da Asociación de Amigos do Camiño e o tenente de alcalde de Ponte Caldelas

Un programa de andainas e visitas por algunhas das contornas naturais máis representativas da Mancomunidade Terras de Pontevedra e a celebración dos II Premios de Comunicación Turística servirán para amosar a beleza paisaxística dos nosos municipios e poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Pontevedra. Os proxectos foron presentados hoxe nas inmediacións da senda dos Gafos (ao seu paso polo barrio do Gorgullón, nun punto veciño á Ruta Xacobea e polo que discorrerá unha das andainas programadas) pola concelleira delegada da Mancomunidade, Yoya Blanco; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, e o tenente de alcalde de Ponte Caldelas, José Manuel Martínez.

Tal e como explicou a edil socialista, os II Premios de Comunicación Turística Terras de Pontevedra “teñene como finalidade dar a coñecer o rico patrimonio turístico de Pontevedra, Campo Lameiro, Marín, Poio. Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa a través da imaxe, dun xeito visual e desestacionalizado, xa que tódalas épocas do ano son propicias para visitar e desfrutar dos nosos encantos”. “A primavera, cun claro protagonismo da natureza e a biodiversidade; o verán, a mellor época do ano para desfrutar das nosas praias, rías e ríos; o outono, a estación da micoloxía por excelencia, onde tamén as sombras nos petróglifos axudan a aprezar estas manifestacións artísticas en todo o seu esplendor, e o inverno, e o ano completo por extensión, onde o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio, a gastronomía e as diferentes festas que se celebran fan destas terras un lugar de obrigada visita”, sinalou a concelleira de Turismo.

Segundo avanzou, esta proposta artística complementarase, en paralelo, cunha serie de roteiros e andainas que serán publicitadas principalmente en casas rurais, hoteis, albergues e oficiñas de turismo do territorio. Baixo o hashtag #volvoaTerrasdePontevedra, as iniciativas forman parte dunha estratexia integral para fidelizar aos turistas que nos visitan, mediante a promoción de novos produtos e atraéndoos cara recursos que non tivesen coñecido.

Os II Premios de Comunicación Turística outorgaranse en catro categorías diferentes: natureza e biodiversidade; praias, rías e ríos; micoloxía e arte ruprestre, e Camiño de Santiago, gastronomía e festas. Poderán participar nos mesmos todas aquelas persoas maiores de idade que non foran galardoadas con anterioridade noutros premios ou concursos. Para facelo deben encher o preceptivo formulario de inscrición e remitilo xunto coas fotografías.

As datas das andainas e visitas

O coordinador da iniciativa, José Rodrigo, indicou que as andainas e visitas organizadas contarán coa presenza de expertos en arqueoloxía, bioloxía ou micoloxía, e nelas, os participantes que así o desexen poderán realizar fotografías para presentar aos Premios de Comunicación Turística. A actividade dará comezo o sábado 28 de setembro cun roteiro polas praias de Covelo e Laño, os muíños de Samieira e os miradores de Poio, ao que lle seguirán outro polos muíños de Riomaior (Vilaboa) e polo paseo fluvial do río dos Gafos, o sábado 5 e o domingo 6 de outubro respectivamente.

O domingo 13 de outubro visitarase a Festa da Mazá e da Sidra de Santo Tomé de Piñeiro (Marín), o sábado 19 de outubro farase unha saída na procura de cogomelos en Cerdedo-Cotobade e o domingo 20 de outubro coñeceranse os petróglifos de Tourón (Ponte Caldelas). O programa pecharase cunha visita ao Parque Arqueolóxico de Arte Ruprestre de Campo Lameiro o sábado 26 de outubro e un paseo pola senda do Lérez o domingo 27 de outubro.

Todas, a excepción da visita ao Parque Arqueolóxico (que se realizará entre as 17.00 e as 20.00 horas, para aproveitar as mellores condicións de luz no lugar), faranse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas. As datas e horarios poderán variar en función das condicións metereolóxicas e outros imprevistos.

O número máximo  de participantes para cada unha destas andainas é de 20 persoas. A reserva de prazas farase por estrita orde de inscrición nas mesmas. Ademais de con cámara de fotos, recoméndase acudir aos roteiros cun equipamento axeitado a unha xornada de campo: vestimenta cómoda, botas de montaña ou calzado deportivo (evitar sandalias, tacóns..), gorra, paraugas, auga e un pequeno tentempé.

A inscrición e reserva de prazas é obrigatoria, sen custe algún para os participantes, sendo preciso enviar un correo ao enderezo electrónico premios@terrasdepontevedra.org

Datas das andainas programadas.

Formulario de inscrición

Para participar nos II Premios de Comunicación Turística Terras de Pontevedra será preciso cubrir os datos do Formulario de inscrición, adxuntando a fotografía coa que se desexa participar (pódese participar cunha imaxe para cada unha das catro categorías) no prazo comprendido entre as 00.00 horas do 01/10/2019 e as 23.59 horas do 11/11/2019.

A organización dos premios seleccionará as mellores fotografías recibidas e as fará públicas no fotoblog rutasterrasdepontevedra@blogspot.com, etiquetando cada unha das fotos co nome da categoría e indicando no pé de foto o nome do autor e o lugar da fotografía. Unha vez subidas e rematado o prazo de inscrición, o xurado elixirá unha fotografía gañadora para cada unha das catro categorías. 

Os vencedores serán obsequiados cunha estancia de fin de semana (de venres a domingo, con almorzos incluídos) para dúas persoas nun aloxamento de Terras de Pontevedra. As bases completas dos Premios poden consultarse no seguinte enlace Bases completas e para obter máis información o link https://terrasdepontevedra.org/ii-premios-de-comunicacion-turistica-terras-de-pontevedra/.

Cartel dos II Premios de Comunicación Turística Terras de Pontevedra.