Pontevedra porase o chándal e as zapatillas de deporte o domingo 6 de outubro para loitar contra o cancro

94
  • A socialista Paloma Castro, e a presidenta da AECC, Marisé Crespo, presentan a III Marcha Andar ou Correr Contra o Cancro co obxectivo de acadar a cifra récord de 2.500 participantes

Os pontevedreses volverán enfundarse o chándal e as zapatillas de deporte o domingo 6 de outubro para participar na terceira edición da Marcha Andar ou Correr Contra o Cancro. O evento, organizado pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa finalidade de apoiar a investigación para combater esta enfermidade e fomentar a adopción de hábitos saudables entre a poboación, foi presentado hoxe na Praza de España pola súa presidenta, Marisé Crespo, e a concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro.

Durante o acto, no que tamén participaron o xerente de Mourente Motor (firma patrocinadora), Enrique Figueroa, e a responsable de Comunicación da AECC, Eva Barrio, a máxima responsable da Asociación en Pontevedra asegurou que o obxectivo deste ano é “acadar a cifra récord de 2.500 participantes, o que significarían 1.000 inscritos máis que na edición anterior”. Segundo explicou, a marcha dará comezo ás 11.00 horas na avenida de Montero Ríos e terá un percorrido de 6,5 kilómetros, “que se poderá completar correndo ou andando”, con chegada no mesmo punto de saída.

A concelleira de Benestar Social subliñou a importancia deste evento deportivo, “que axuda a concienciar sobre a importancia da investigación e no que todas e todos podemos e debemos participar, xa que a loita contra o cancro é algo que atinxe ao conxunto da sociedade”. “A proba ten un carácter lúdico deportivo e non competitivo, e o percorrido é accesible para persoas con mobilidade reducida, polo que está aberta a todas aquelas persoas que queiran colaborar na loita contra o cancro”, sinalou Paloma Castro.

O prezo da inscrición é de só seis euros e de carácter gratuíto para os nen@s menores de 12 anos (que deben ir acompañad@s por un adulto). A III Marcha Andar ou Correr Contra o Cancro percorrerá as seguintes rúas e espazos da cidade: praza de España, Arcebispo Malvar, Rúa Galera, avenida de Uruguai, Ponte das Correntes, paseo do río Rons, paseo da Xunqueira de Alba, rúa Martín Códax, rotonda do Burgo, paseo de Domingo Fontán, Ponte de Santiago, travesía Padre Amoedo, Arcos de San Bartolomeu, praza da Pedreira, rúa do Arco, rúa Cousiño, rúa da Ponte, rúa Real, praza de Curros Enríquez, A Ferrería, paseo de Antonio Odriozola e Michelena (con retorno á meta da Gran Vía de Montero Ríos a través da praza de España).