Medio Natural inicia esta semana o primeiro zafarrancho de podas de árbores molestas, enfermas e en mal estado

20
  • As actuacións do servizo de Parques e Xardíns, que dirixe Iván Puentes, darán comezo en Pardo Bazán, Castelao, A Barca, Cruz Gallástegui, Concepción Arenal, Alfonso XIII e Benito Corbal

Despois de efectuar unha análise das necesidades, tanto en arborado aliñado en viais urbanos como en parques, xardíns e diferentes zonas verdes da cidade, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural porá en marcha nos vindeiros días o seu primeiro zafarrancho de podas de árbores molestas, enfermas ou en mal estado. Nesta quenda inicial, o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes acometerá actuacións nas rúas Concepción Arenal, Pardo Bazán, A Barca, Alfonso XIII, Castelao, Cruz Gallástegui e Benito Corbal.

Segundo explica o edil do PSOE, para estes primeiros traballos “decidiuse darlle prioridade á poda de ramas mortas, débiles ou afectadas por pragas e enfermidades, así como ao tallado de pólas finas que, ao terse expandido, invaden as fiestras de edificacións e causan molestias”. Dous equipas de tres traballadores do servizo municipal de Parques e Xardíns levarán a cabo estas intervencións de carácter preferente, coa axuda de máquinas elevadoras dotadas de cestos para operar en altura.

“A podas e limpezas que se levarán a cabo nestes vindeiros días -subliña Iván Puentes- realizaranse sobre unha ampla gama de especies, como ficus, liquidámbares, aceres ou magnolios, que conforman parte da riquísima diversidade botánica do arborado das nosas rúas, parques e xardíns”.

Tal e como avanza Puentes, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que investiu 15.000 euros nestas actuacións, executará posteriormente, “nas épocas de pouca actividade fisiolóxica”, as podas de pólas en bo estado de saúde. Deste xeito, sinala, “evitaranse os períodos críticos do agromo e da senescencia foliares, que dependen da especie, do seu carácter caducifolio ou perennifolio e das condicións climáticas que se dean en Pontevedra”. 

Para o socialista, é importante destacar que “as podas non só se acometen en inverno, como popularmente pensa moita xente, senón que tamén se poden facer coa follaxe plenamente desenvolvida (a coñecida como poda en verde), sempre que se trate dunha poda suave, de limpeza e mantemento”. “No caso das palmeiras -matiza o concelleiro do PSOE-, aínda que as recomendacións técnicas aconsellan en xeral as épocas de actividade fisiolóxica e calor para unha mellor cura das ‘feridas’ da poda, a aparición da praga do picudo vermello, que se sente atraído polos karionomas (substancias segregadas no corte de poda), levou a modificar este criterio, pasándose a podar maioritariamente en épocas de frío, cando o insecto ten menor actividade”.

Unha achega de 23.500 euros para a rede de sistemas de rego

O edil de Medio Natural tamén ven de asinar a contratación do proxecto para dotar de sistemas de rego a xardíns ubicados en diversas zonas da cidade: Monte Porreiro, As Palmeiras, Santa María, San Mauro, rúa Serra, Praza das Regas, rotonda da Barca, e as contornas do Hiper Froiz (Praza de José Martí) e da facultade Belas Artes, entre outras. A instalación desta rede será executada pola empresa Reforvi Mantenimientos SL grazas a un investimento de 23.500 euros.