A primeira edición de ‘Pontebirra’ dará de beber a quen pase uns 90 tipos de cervexas artesás diferentes

104
  • A feira impulsada pola concelleira de Promoción Económica terá lugar na Alameda entre os días 3 e 6 de outubro e contará con cervexeiros de toda Galicia e doutros puntos de España 

Foodtrucks, obradoiros, concertos, charlas e xogos populares compoñen a programación da I Feira da Cervexa Artesá de Pontevedra ‘Pontebirra’, que acollerá a Alameda entre o xoves 3 e o domingo 6 de outubro. A iniciativa impulsada pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, contará con cervexeiros procedentes de toda Galicia e convidados doutros puntos de España,  “e dará de beber a quen pase pola cidade nestes catro días uns 90 tipos de cervexas artesás diferentes”.

A propia Blanco presentou hoxe o evento feiral na Praza de España acompañada polos cervexeiros Anxo Puime, Lois Alfaya e Esteban Loureiro, asegurando que “este festival, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, inaugúrase coa ambición de quedarse”. Segundo avanzou a socialista, ‘Pontebirra’ pretende “dar a coñecer un produto de xeito artesanal e profundizar na cultura desta bebida”. “Habilitaranse stands na Alameda para poder degustar as diferentes variedades de cervexa artesá. Teremos foodtrucks para poder maridar as cervexas con pratos gourmet: pizza artesá, hamburguesas gourmet con pan de masa madre, tex-mex, comida alemana, croquetas, porco celta, crepes…”, avanzou.

Tal e como indicou, ‘Pontebirra’ é un festival “de carácter familiar, con entrada totalmente gratuíta, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e unha ampla programación de música, obradoiros para os cativos e concursos, creando así un espazo cultural diferente”. O evento contará cun espazo de xogos populares de madeira para os máis pequenos (a rá, pica peixe, a chave, aros…) e con diversos talleres infantís.

A inauguración do festival terá lugar o xoves 3 de outubro ás 18.00 horas, xornada na que o grupo Los Pontiaks protagonizará un concerto ás 22.00 horas. Para o venres 4 de outubro está prevista unha sesión ‘beer-mú’ a cargo de DJ Dr. Varito e unha actuación do conxunto musical Blue Monk, mentres que o sábado 5 de outubro celebraranse un ‘beer-mú’ a cargo de El Pelotón de los Torpes, un obradoiro de elaboración de cervexa artesá gratuíto impartido por un mestre cervexeiro (será ás 18.00 horas e os que queiran inscribirse deberán enviar os seus datos ao email ‘cursodecervexa@gmail.com‘), outro de manualidades e cociña para nenas e nenos a cargo de Tatarina (ás 18.30 horas) e un concerto da banda The Pretty Shirts (ás 22.00 horas).

Para a xornada de clausura, o domingo 6 de outubro, o ‘beer-mú’ estará protagonizado por Roma e haberá un obradoiro de contacontos e manualidades para nen@s impartido por Tatarina e un concerto a cargo do grupo de música Mojo Experience. Xa pola noite, a partires das 22.30 horas, celebraranse os concursos para elixir a Mellor Etiqueta do Festival, a Mellor Cervexa e o Mellor Foodtruck, para pechar Pontebirra coa entrega de premios aos cervexeiros. 

Cervexeiros procedentes de Madrid, León e Ponferrada

Entre os participantes nesta primeira edición do Festival da Cervexa Artesá ‘Pontebirra’ inclúense Menduíña (Cangas), Silvestres (Pontevedra), The One Beer (Madrid/Sanxenxo), A Cova da Serpe (Lugo), Castreña (Ponferrada), O Corvo (Vilanova de Arousa), Bubela (Lugo), Nasa (Pontevedra), Nós (Vigo), Meiga (Pontevedra), Go! (Madrid), Belecker (León) e La Virgen (Madrid). Segundo apuntou Esteban Loureiro, voceiro da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, “máis do 50% dos participantes no festival son de Pontevedra, que é a provincia de Galicia que máis cervexeiros ten”, e os prezos das marcas que se ofertan “son populares”, entre os dous e os tres euros.

“A cervexa artesá está moi de moda en Galicia. Somos unhas 50 marcas, das que 13 estarán en ‘Pontebirra’. As máis estranas que se poden probar no festival son a Mareira, unha cervexa que ten auga de mar, e por suposto, a de licor café. Tamén hai cervexas con chile, afumadas, picantes… Temos de todo, dende as fortes, de 12 grados, a outras ben lixeiriñas, de só tres”, constatou Loureiro.

Cartel deseñado para o festival.