Farmacoloxía, nutrición, sexualidade e atención psicolóxica centran as charlas da V Xornada de Ostomías

30
  • A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, subliña “a talla profesional dos relatores” do ciclo de conferencias de ASSEII, que terá lugar o vindeiro sábado no Pazo da Cultura

Conferencias sobre farmacoloxía, nutrición, atención psicolóxica, autoestima e sexualidade e erotismo das persoas ostomizadas protagonizarán o vindeiro sábado 5 de outubro no Pazo da Cultura a V Xornada Provincial de Ostonomías, organizada pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizad@s (ASSEII) coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Deputación. O evento, presentado hoxe pola concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e a voceira de ASSEII Cintia Loira, ten o obxectivo  esencial de potenciar a formación e información na vida dos pacientes ostomizados e explicar como funcionan os tratamentos biolóxicos para rendibilizar ao máximo os seus resultados.

A edil do PSOE explicou que a asistencia á Xornada “é libre e gratuíta, ata encher o aforo de 270 prazas do salón de actos do Pazo”, que abrirá as súas portas ao público ás 10.00 horas. A primeira das charlas será impartida por Ana Belén Veiga Villaverde, farmacéutica da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, e versará sobre ‘Farmacoloxía en ostomizad@s’.

A continuación, ás 11.10 horas, a psicóloga e especialista en educación sexual Mónica Couso Fuentes desenvolverá un relatorio titulado ‘Recupera a intimidade coa túa parella: sen medo á sexualidade’ e, tras unha pausa, ás 12.20 horas, a experta nutricionista Cristina Días Buceta, da clínica San Lázaro, abordará a ‘Nutrición e alimentación en ostomías’. A última conferencia terá como protagonista a Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga clínica da EOXI de Pontevedra e O Salnés, e analizará en que grao están atendidas as necesidades psicolóxicas das persoas ostomizadas nesta área sanitaria.

A concelleira de Benestar Social subliñou “a talla profesional dos relatores” convidados por ASSEII a este ciclo, así como “a variedade de puntos de vista e a enorme importancia e interese dos temas que se van tratar”. “No eido da sexualidade -apuntou a socialista-, afirmarase a posibilidade de que as persoas ostomizadas eroticen os seus novos corpos, as súas cicatrices e mesmo as súas bolsas, e de que convertan as súas debilidades en fortalezas. No campo da nutrición, falarase sobre a importancia de manter unha dieta equilibrada e saudabel e das alteracións alimenticias motivadas polas súas circunstancias e estilo de vida. E no ámbito psicolóxico, daránselles ferramentas para coidar e fortecer a súa autoestima”.

Dar visibilidade ás “discapacidades invisibles”

Cintia Loira asegurou que a finalidade desta Xornada, coa que tamén colaboran La Obra Social de La Caixa e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’, “é dar visibilidade a estas patoloxías ante a sociedade, de xeito que deixen de ser discapacidades invisibles”. Tal e como lembrou a voceira de ASSEII, “trátase dun colectivo de persoas que se enfrontan a unha intervención cirúrxica que comunica unha víscera co exterior a través do abdome para conducir os fluídos corporais, materia fecal, urinaria e secrecións do organismo, o que lles obriga a levar unha bolsa para sempre e, dependendo da enfermidade inflamatoria de base, tomar ou non unhas medicacións biolóxicas”.

Segundo indicou, os avances acadados nas últimas décadas no eido da biotecnoloxía permitiron o desenvolvemento dun número cada vez maior de medicamentos biolóxicos cos que moitos afectados conviven, polo que “este tipo de xornadas teñen unha enorme importancia á hora de dalos a coñecer, saber como funcionan no organismo, como e cando tomalos ou como conservalos”. “Se coñecemos como funcionan os medicamentos biolóxicos e tamén que alimentos absorbemos mellor e cantas veces, a que hora e como é mellor inxerir os alimentos, optimizaremos a nosa vida familiar e social e a nosa incorporación á vida laboral sen tantas recaídas”, afirmou Loira.

Cartel deseñado coa programación da Xornada.