Medio Natural inicia o proxecto de limpeza integral do regato de Mollabao e a contorna da Casa do Mar

10
  • Os traballos prevén o acondicionamento en profundidade do treito que discorre entre o lavadoiro da Fontesanta e a rúa Rosalía de Castro, así como do perímetro do parque de educación vial 

O servizo municipal de Parques e Xardíns iniciou hoxe os traballos de acondicionamento integral do talude e do leito do regato de Mollabao, no treito que discorre entre o lavadoiro da Fontesanta e a estrada Rosalía de Castro (por debaixo da ponte da autoestrada AP-9). O proxecto de desbroce e limpeza en profundidade impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, tamén prevé actuacións en bordos e zonas verdes ubicados na contorna da Casa do Mar e o perímetro do parque de educación vial.

A intervención no regato da Fontesanta, que discorre en paralelo á pista de skate de Mollabao, así como nas franxas verdes emprazadas na traseira da parada de autobuses de Rosalía de Castro, levarase a cabo coa axuda dunha máquina retroescavadora, dado que a zona se atopa infestada de silveiras, maleza e malas herbas. Segundo explica Iván Puentes, o proxecto conta cun orzamento de 6.000 euros e “inclúe a retirada dos lodos e do lixo que hai acumulados no leito do regato e o axeitado axardinamento de toda a zona mediante a instalación dunha malla antiherbas e a cobertura con plantas tapizantes (hedras e mióporos entre outras)”.

Os traballos abranguen a contorna da Casa do Mar e o perímetro do parque de educación vial.

Tal e como precisa o edil do PSOE, as actuacións iniciadas esta mañá polo servizo de Parques e Xardíns enmárcanse nun plan de rexeneración do barrio “máis ambicioso, que xa se está a deseñar”. “Con estes traballos -subliña- queremos dar unha resposta inmediata a unha das demandas que a plataforma veciñal ‘Mollabao si’ nos transmitiu na visita que realizamos sobre o terreo a principios de agosto”.

Na reunión mantida este verán co voceiro desta asociación, Juan Sáenz, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural tamén lle transmitira a súa intención de converter a pequena parcela situada entre a rúa Rosalía de Castro e o parque de educación vial (trala parada de autobuses) nunha nova área de lecer axardinada. Unha proposta que contaría co beneplácito da veciñanza, ao tratarse dun espazo que moitos empregan como punto de encontro habitual no barrio.