Viatoben será a consultora que fará o estudo sobre o transporte a demanda para Pontevedra

12
  • O Concello contrata á consultora que dirixe Fernando Nebot para que revise as boas prácticas que hai no mundo; as posibles alternativas de explotación; a estrutura xurídica do servizo; o estudo de sustentabilidade e a demanda existente.

O Concello de Pontevedra contratou á consultora Viatoben, dirixida polo enxeñeiro Fernando Nebot, para elaborar o estudo sobre o transporte a demanda que quere poñer en marcha no presente mandato. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que asegurou que Fernando Nebot é un dos principiais especialistas de todo o Estado en transporte público, gran coñecedor de Pontevedra así como do seu modelo urbano do cal participa “e parece a persoa acaída para pór en marcha o equipo técnico preciso que porá en marcha o transporte a demanda na cidade”, segundo manifestou Demetrio Gómez.

O traballo deste gabinete estará dividido en catro grandes áreas:

  • Revisión das boas prácticas que existen no mundo en relación a este tipo de transporte.
  • As posibles alternativas de explotación.
  • A estrutura xurídica de todo o modelo
  • Estudo de sustentabilidade e da demanda existente.

Demetrio Gómez explicou que era preciso coñecer a demanda real, tanto de orixe como de destino e ver os modelos que existen no mundo.

Viatoben foi a empresa adxudicataria neste proceso de adxudicación no que se convidou a outras dúas. O orzamento de adxudicación son case 18.000 euros. E o prazo de execución dependerá das peticións que se vaian propoñendo nos vindeiros meses. De todos os xeitos, o concelleiro adiantou que “o obxectivo é non parar para que o transporte poida estar en marcha no tempo máis breve posible. Nós non queremos que se demore máis do necesario, pero temos que saber exactamente do que se está a falar”.