Máis de 60 clubes de Pontevedra presentan solicitude para acceder as subvencións deportivas de 2018

81
  • O concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, mantén o obxectivo de que as entidades poidan cobrar os 300.000 euros desta convocatoria “antes de que remate o ano”

A Concellería de Deportes, que dirixe Tino Fernández, acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás subvencións deportivas do ano 2018. Un total de 63 clubes, algúns máis dos 57 aos que lles foron outorgadas as de 2017, remitíronlle ao servizo municipal de Deportes a preceptiva documentación para participar nesta convocatoria de axudas, que conta cunha achega de 300.000 euros.

No suposto de que as solicitudes presentadas non reúnan os requisitos sinalados nas bases, o Concello requeriralles ás entidades que emenden as anomalías advertidas no procedemento nun prazo de 10 días hábiles (no caso de non facelo, arquivarase a petición). Unha comisición de avaliación presidida polo concelleiro de Deportes, e con representación de tódolos grupos políticos da Corporación, deberá emitir un informe no que se concrete o resultado da avaliación realizada pola persoa instrutora, antes de que esta formule unha resolución provisional debidamente motivada e a notifique a tódolos clubes.

Tras examinar as posibles alegacións, o funcionario instrutor formulará a proposta de resolución definitiva, na que indicará os solicitantes para os que se propón a concesión das axudas, a contía das subvencións e as especificacións relativas aos criterios de valoración seguidos. Será posteriormente a Xunta de Goberno local a que, tendo en conta a proposta de resolución definitiva, resolva o procedemento, sinalando de xeito expreso a desestimación das solicitudes que non acaden a subvención.

Tino Fernández amosouse moi satisfeito coa “axilidade coa que o servizo de Deportes está a realizar a tramitación das axudas de 2018” e asegurou que mantén en pé seu obxectivo de que as entidades poidan cobrar os 300.000 euros desta convocatoria “antes de que remate o ano”. “Os clubes son esenciais para Pontevedra -subliñou o edil do PSOE- e, polo tanto, é unha prioridade que a Concellería se poña ao día no pago das subvencións e as abone en tempo e forma”.

As entidades solicitantes

Entre as máis de 60 entidades que presentaron solicitude inclúense 11 que non accederan ás de 2017 (porque non fixeran a petición ou porque lles fora desestimada). A lista de equipas que aspiran a acceder ás de 2018 é a seguinte: Tenis de Mesa Monte Porreiro, CE Polideportivo Juan XXIII, Escola Hungaresa de Esgrima, Mareantes Rugby Club, Club Naval de Pontevedra, Juvenil de Lérez, Escola Xadrez Pontevedra, Natación Master-Pons Vetus, Club Río Verdugo, Club Treboada, Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Escola de Fútbol Portero 2000, AD Sagrado Corazón, Bora CF, Club Galaico Sincro, Club Subacuático Sotavento, Polideportivo Méndez Núñez, Tenis de Pontevedra, Fútbol Sala Cidade de Pontevedra, Sociedade Ximnástica, ACD A Seca, Asociación de Boxeo Pontevedra, Club Cisne Balonmán, Cerponzóns CF, Club Natación Galaico, Baloncesto Arxil, Billar Club Pontevedra, Pontevedra Rugby Club, CAB Pontevedra, Asociación Deportiva Verdugo, Bádminton Ravachol, Club de Piragüismo Verducido-O Pontillón, SD Monte Porreiro, Club de Salvamento Acuático, Salgueiriños CF, Temerarias Team, Baloncesto Estudiantes, Club Boa Vila de Tiro con Arco, Natación Sincronizada Pontevedra, Club Ciclista Farto, SD Teucro, Judo Club Pontevedra, Integración Deportiva, Atlético Estación, CD Lérez, SUH Taekwondo, Escudería Pontevedra 1984 Team, Club de Waterpolo Pontevedra, Club de Ximnasia Rítmica Xiada, Leis 26 FS, Taekwondo Mace-Sport, Aromon Montañeiros, Casino Mercantil e Industrial, Club de Loita Pontevedra, Club Voleibol Pontevedra, Peña Ciclista Moto Bike, Ximnasia Rías Baixas, SCD Salcedo, Atletismo Rías Baixas, Boa Vila Basket, Marcón Atlético, San Andrés CF e Interpontevedra FS.

Os clubes deportivos beneficiarios poderán solicitar por escrito o anticipo do 30% da cantidade subvencionada para sufragar gastos inaprazables e imprescindibles para o desenvolvemento da actividade. En todo caso, para poder acceder ao pago anticipado, as entidades deberán acreditar que se atopan ao corrente nas súas obrigras coa Axencia Tributaria, Facenda da Xunta e a Seguridade Social.

O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria, unha vez presentada correctamente xustificación (no caso do pago anticipado será a través de ingreso en conta).