O Salón medra con novas iniciativas

79
  • A Escola de Lectura para Familias Curiosas, que contará con servizo de ludoteca baixo solicitude, consta de 7 sesións que comezarán o 28 de outubro e terán lugar un venres ao mes no Pazo da Cultura.
  • As familias interesadas poden inscribirse de balde en salondolibro@pontevedra.gal
  • As Merendas Literarias na Residencia de Maiores de Campolongo botarán a andar próximamente e estarán abertas á mocidade, colectivos etc. que queiran asistir.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá dsúas novas iniciativas que porá en marcha o Salón e corresponden á “nosa vontade de estendelo ao longo do ano, e ao longo e ancho da nosa cidade, buscamos crear alianzas e sinerxias co máximo de colectivos e institucións desta Boa Vila. Así, por iso hoxe me acompaña Francisco Vila Freira, da FANPA (Federación de Asociacións de Nais e Pais)  e María Teresa Caneda Triñanes, directora da residencia de maiores de Campolongo”.

Escola de Lectura para familias curiosas bota a andar en colaboración coa FANPA, dando resposta á necesidade de pais, nais e tamén avós de contar con referencias e recomendacións para facer das súas crianzas – de todas as idades –  amantes da lectura e facer do libro un punto de encontro, apego e lecer en familia

“Fixemos unha achega á escola de Familias durante o Salón pero consideramos que é moito máis enriquecedora se a estendemos a todo o ano, e tamén durante a celebración do Salón”, apuntou Carme antes de enumerar os obxectivos que persigue o proxecto:

– Dar recomendacións para que as nosas fillas e fillos teñan hábito lector e dar pautas para converterse en familias comprometidas coa lectura.

– Coñecer e asesorar sobre libros interesantes e atractivos tendo en conta os grupos de idade e prestando especial atención á produción editorial galega

-Coñecer libros axeitados que nos axuden a resolver conflitos, coñecer o mundo e mellorar a convivencia

– Ensinar a contar contos, recitar rimas e poesías facendo uso ou non doutros recursos (musicais, visuais, etc.).

– Ensinar a compartir e comentar as lecturas das súas fillas e fillos.

– Crear contos a partir da improvisación ou de experiencias próximas.

– Ensinar a xestionar unha biblioteca familiar e crear un espazo axeitado para a lectura.

– Ofrecer recursos e ideas para facer da lectura un xogo, unha aventura en familia.

Índice das sesións:

  1. Onde se acende este libro? Tipos de libros e lecturas. Da narración oral á realidade aumentada. Impartida por Eva Mejuto.
  2. Libros para resolver conflitos, libros para entender o mundo. Dori Martínez, Psicóloga.
  3. Dar de ler como quen da de beber. Recursos para ler e xogar en familia. Espazo Lectura de Gondomar.
  4. E que libro podo escoller? Para non afogarse nun mar de libros. Luz Gallego, librería Seijas.
  5. Xogamos, cantamos e contamos. Cris de Caldas, Bibliotecaria e Narradora Oral.
  6. En galego, moito que contar. Pilar Sampil, experta en LIX.
  7. Risoterapia literaria. Rimos e lemos en familia. Risotadas

As sesións, que botarán a andar o venres 28 de outubro,  terán lugar un venres ao mes, de outubro a maio no Pazo da Cultura en horario de 17:30 a 19:30h.

As familias asistentes terán ao seu dispor un servizo de ludoteca literaria para crianzas de máis de dous anos, que deberán solicitar previamente cada día de sesión.

As inscricións e dúbidas atenderanse a través da web: salondolibro.gal/escoladelectura ou no email: salondolibro@pontevedra.gal

Merendas literarias en Campolongo, con maiores, mozos e mozas.

Tras o éxito da actividade que o ano pasado o Salón levou ao auditorio da residencia de Maiores da Campolongo, “dada a boa acollida por parte dos usuarios/as e a predisposición á colaboración da súa directora, quixemos repetila e darlle continuidade no tempo. Así foi que pensamos en formar un club de lectura mixto, de maiores e mozos e mozas da cidade. Despois da fantástica experiencia do Club de lectura do salón (que tamén bota a andar hoxe mesmo na súa terceira edición, con Susana Aríns como autora Invitada nunha cea que será, precisamente na cafetería da Residencia de Campolongo), pensamos que estender estas reunións lectoras como punto de encontro interxeracional, usando os libros como “excusa” ou como punto de partida, podería ser moi enriquecedor tanto para a mocidade como para os maiores”, apuntou Carme.

Na selección de obras que protagonizarán as merendas, que darán comezo próximamente, darase prioridade ás de autores e autoras de LIX de Pontevedra como Manuel Lourenzo, Fina Casalderrey, Eva Mejuto ou Kiko Dasilva e está previsto que os mesmos, acompañen nas reunións, para compartir un chocolate con churros e boas lecturas cos mozos e cos maiores.

A directora de Campolongo apuntou á necesidade de abrir as portas da mesma a estas actividades e “facer que os avós vexan xente nova e que a xente tamén vexa aos avós. Teñen unha necesidade moi grande de que lles conten contos e tamén de contalos”.

Club de Lecura do Salón

O club de lectura do Salón do que forman parte libreiros/as e docentes da cidade, Eva Mejuto, Carme Fouces, Alberto Oubiña, etc retoma hoxe a súa actividade co encontro coa autora Susana Arins, para comentar a lectura de “tu contas e eu conto”. A cea- coloquio terá lugar precisamente na cafetería da Residencia Campolongo, na que máis adiante se celebrarán as Merendas Literarias.