Aprobadas as subvencións a 11 entidades culturais por preto de 20.000 euros

14

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a concesión de axudas para entidades e asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da cultura. En total concedéronse subvencións para actuacións de 11 asociacións que suman un importe total de 19.2000 euros.

Á Asociación sociocultural O Burgo concedéronselle 3.000 euros para a súa programación cultural; á Asociación etnográfica Sete Espadelas concedéronselle 900 euros para diversas actividades que inclúen conferencias, exposicións e unha pasarela; á Asociación sociocultural Cedofeira 1.500 euros para a programación dos venres culturais, a edición da revista e exposicións; 3.000 euros á Asociación recriativa de Xeve para a súa programación anual; 600 euros á asociación Down Pontevedra ‘Xuntos’ para a programación anual ‘con-cultura’; 900 euros para a Asociación cultural Casa Verde para a súa programación anual; 1.500 euros para a Asociación de veciños Salcedo-Norte para diversas actividades e obradoiros e unha viaxe cultural; 900 euros para a Agrupación folclórica Celme para o seu festival folclórico; 3.000 euros para o Cine Club Pontevedra para a súa programación regular de cine en versión orixinal durante todo o ano; 900 euros para a Asociación Cultural Gaiteiros de Algures para dous espectáculos, un etnográfico e outro sobre Antón Fraguas; e 3.000 euros pra a Asociación Dous Pontes para a escola de folclore tradicional e o día da muiñeira.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a cesión do 3ª andar do antigo colexio Suances á Asociación de atención á parálise cerebral e afíns ‘Amencer- Aspace’. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías indicou que esta asociación xa estaba ocupando o 1º e 2º andar pero que tiña solicitado a cesión completa do edificio polo alto volume de actividade que atende. Esta cesión faise por 20 anos, prorrogable a 5 máis