Iván Puentes contrata o estudo de viabilidade para destapar e recuperar o treito soterrado do río dos Gafos

82
  • O concelleiro socialista afirma que a elaboración deste informe técnico, encargado á consultora Nortap Ingenieros por 18.000€,  “é o primeiro paso en firme para facer realidade o proxecto”
  • O servizo municipal de Medio Ambiente executa un zafarrancho de limpeza de malas herbas, silvas e maleza no último tramo do afluente, entre a rúa Rosalía de Castro e a súa desembocadura

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, aprobou esta semana a contratación do estudo de viabilidade do proxecto para destapar o treito do río dos Gafos que discorre entre as rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín. Deste xeito, o edil do PSOE deu “o primeiro paso en firme para facer realidade a tan ansiada aspiración da veciñanza e dos colectivos ecoloxistas da nosa cidade, en particular da asociación Vaipolorío, de acadar a recuperación paisaxística na contorna do tramo soterrado do afluente”.

O estudo técnico, encargado á firma consultora Nortap Ingenieros SL, incluirá a recompilación da diversa documentación dispoñible sobre as características orixinais do cauce do río dos Gafos, da súa historia e das modificacións que sofreu ao longo dos anos. Tal e como explica Iván Puentes, a partires destes datos, “o informe ofrecerá unha diagnose exhaustiva da situación e proporá alternativas que sexan viables a nivel técnico e, ao mesmo tempo, capaces de formular unha recuperación naturalizada e de elevada calidade nesta contorna do barrio de Campolongo”.

“A firma Nortap -subliña o socialista- definirá as alternativas paisaxísticas e de restauración ambiental, contemplando aspectos relativos ao funcionamento da actividade urbana e ao uso das infraestruturas e das zonas verdes por parte da veciñanza”.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investiu case 18.000 euros na contratación deste estudo de viabilidade, cuxa entrega final será realizada pola consultora nun prazo duns catro meses. Trátase, segundo lembra Puentes, do “primeiro dos tres pasos incluídos na folla de ruta deseñada para devolverlle o Gafos a Campolongo: os seguintes serán elaborar unha memoria de valoración das actuacións e deseñar un proxecto de recuperación integral para todo o treito do río que vai dende a avenida de Vigo ata a súa desembocadura, nas Corvaceiras”.

Neste sentido, o concelleiro do PSOE entende que, con indepedencia de que as actuacións se teñan que dividir e executar posteriormente por treitos, é imprescindible efectuar unha proposta integral para sanear o afluente, humanizalo, naturalizalo e darlle un tratamento que permita o uso e desfrute dos cidadáns de Pontevedra.

Un programa desenvolvido polo exército dos Estados Unidos

Entre outras cuestións, o estudo de viabilidade de Nortap analizará as alturas de inundación a través da modelización informática das mesmas, coa finalidade de deseñar un cauce adaptado a episodios de fortes choivas e enchentes. Dito exame levarase a cabo mediante o programa HEC-RAS (Hydrologic Engineering Center-River Analysis System), desenvolvido polo corpo de enxeñeiros do exército dos Estados Unidos, de uso público dende 1995 e empregado mundialmente en estudos hidrolóxicos por parte de, entre outras entidades, as confederacións hidrográficas do Estado e o organismo autonómico Augas de Galicia (que deberá autorizar o proxecto de destape e recuperación do Gafos con anterioridade ao inicio das obras).

Iván Puentes asegura que “xa se iniciou a conta atrás para que se materialice a aspiración colectiva de recuperar para os pontevedreses un dos máis valiosos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos da cidade, e que está situado en pleno barrio de Campolongo”. “Pouco a pouco, o proxecto irá tomando forma ao longo deste mandato -afirma- e, unha vez analizada a viabilidade da actuación, comezarase a fase de deseño de aspectos como a mobilidade no ámbito de actuación, para, en último termo, deseñar a proposta de restauración dese treito soterrado do río dos Gafos”.

O servizo municipal de Medio Ambiente executou recentemente un zafarrancho de limpeza no treito que discorre entre a rúa Rosalía de Castro e a desembocadura do afluente.

Aínda que o Concello non dispón de capacidade económica para executar a totalidade das obras, Puentes conta coa garantía dos 600.000 euros das achegas dos fondos europeos DUSI que foron especificamente aprobados para a rexeneración de marxes fluviais en treitos urbanos, unha contía que permite financiar o estudo de viabilidade, a memoria e a elaboración do proxecto, así como boa parte das actuacións. En calquera caso, o edil do PSOE ten a intención de acadar a implicación doutras administracións públicas, como a Xunta de Galicia, cuxas aportacións serán esenciais para garantir que se completan as diversas fases.

Despois de participar na andaina que organizou Vaipolorío polo Gafos soterrado o pasado fin de semana, Iván Puentes ratificouse aínda máis no seu desexo de que os pontevedreses poidan ver boa parte do tramo que discorre por Campolongo destapado antes de que finalice o mandato.

Acondicionamento da desembocadura

Operarios do servizo municipal de Medio Ambiente finalizaron nas pasadas xornadas un zafarrancho de acondicionamento e limpeza en profundidade do último treito do Gafos, en concreto, do que discorre entre a rúa Rosalía de Castro e a desembocadura do río. Os traballos consistiron nunha concienzuda eliminación de maleza, silveiras e malas herbas.