Mosquera: “Pídolle a Domínguez que por educación, por humanidade, por ética retire a imaxe do alcalde no Parlamento”

87

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, amigo persoal do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores pediulle ao portavoz do Grupo municipal do Partido Popular, Rafael Domínguez que “por educación, por humanidade, por ética” retire das súas redes sociais a imaxe do alcalde no Parlamento galego.

Esta imaxe saltou ás redes sociais (Facebook, Twitter) da man do portavoz da oposición en Pontevedra, Rafael Domínguez e dalgún dos seus concelleiros como Pepa Pardo, Silvia Junco, Pablo Fernández, Guillermo Juncal, ou o Partido Popular Provincial e o seu presidente, Alfonso Rueda entre outros, e coincidiu nun tempo no que o alcalde estaba pasando noites coa súa nai no Hospital antes do seu falecemento. Estas imaxes permanecen a día de hoxe nas súas redes sociais.

César Mosquera explicou que é “un detalle moi feo”, xa que inicialmente púidose tratar “dun erro”, pero “aínda hoxe está nas redes do Partido Popular, incluso despois de todo o que sucedeu”.

“Pediríalle que, polo método que queiran, que retiren esa foto, porque despois de todo o que pasou, non é de recibo que non teñan nin colgado un pésame”, aseguraba Mosquera quen aclarou que non se pode ter un comportamento en privado (indo a darlle o pésame ao alcalde polo pasamento da súa nai) “e manteña esa imaxe en público. É francamente feo”.

“Non sei que é o que se pretende, porque non é despiste, É á mantenta”, aclaraba o concelleiro.

César Mosquera explicou que as normas do Parlamento de Galicia son moi estritas ao respecto de sacar imaxes dentro do hemiciclo. Asegurou que só están autorizados os medios de comunicación acreditados e os propios do Parlamento. De feito desvelou que o presidente do Parlamento estaba “profundamente molesto” por todo o que sucedeu e así llo trasladou ao alcalde en dúas ocasións nesta última semana. O alcalde ía convidado polo propio presidente “e a pesar do que estaba pasando no eido persoal, foi para non facerlle un feo ao presidente”, explicou Mosquera. Tamén avanzou César Mosquera que está confirmado que a imaxe procede do persoal do staff do Partido Popular que asistía ao debate no Parlamento.

Ademais, César Mosquera trasladou aos medios de comunicación o agradecemento do alcalde polo “trato exquisito” que se realizou nestes últimos días ao respecto da súa vida privada. E manifestou que o alcalde “está ben, e totalmente recuperado”, xa que o Fernández Lores vén arrastrando problemas persoais graves dende o pasado mes de marzo.