Benestar Social colabora con seis recoñecidos artistas para facer visible a problemática da fame en Pontevedra co gallo do Día Mundial da Alimentación

15
  • A concelleira Paloma Castro promove o proxecto Fame Cero, que se traducirá na instalación, na Praza da Ferrería, de sete cubos con lemas que reflicten a existencia de malnutrición na nosa cidade

A Praza da Ferrería inaugurará o vindeiro mércores 16 de outubro ás 16.30 horas, co gallo do Día Mundial da Alimentación, un proxecto expositivo que permitirá concienciar e facer visible a problemática da fame en Pontevedra. A iniciativa Fame Cero, promovida pola concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, en colaboración con seis recoñecidos artistas, traducirase na instalación de sete cubos: seis con lemas e imaxes deseñados por Antón Sobral, Basilisa, Alberto Pena, Xulio Gil, Taller Abierto e Carmen Hermo, e outro cunha mensaxe da propia edil socialista.

Segundo explica Castro, esta exposición enmárcase no programa de actividades de sensibilización e visibilización organizadas polo Concello con motivo do Día Mundial da Alimentación (proclamado pola FAO en 1979), ao que pouco a pouco se foron sumando outras entidades. Así, a asociación Arroelo, que realizará charlas informativas en institutos e outras accións con alumnos.

Os cubos da exposición artístico-social, que será inaugurada nun acto no que participarán algúns dos artistas e a concelleira de Benestar Social e que permanecerá na Ferrería durante unha semana, exhibirán frases como: ‘Ao comedor de San Francisco acoden ao redor de 125 persoas diariamente’, ‘Na vivenda de apoio ao tratamento da asociación Rexurdir Provincial viven 4 persoas’ (Carmen Hermo), ‘A asociación Rexurdir e a Cáritas acoden unha media de 65 a 75 persoas ao día’, ‘Dez persoas acoden a un obradoiro de San Vicente de Paúl de restauración de mobles’ (Alberto Pena), ’No programa de axuda alimentaria e de roupa da Fundación Amigos de Galicia, Cáritas, Club de Leones e Rexurdir Provincial hai unhas 650 familias’ ou ’32 persoas transeúntes dormen diariamente no albergue de San Javier de Cáritas e de Calor e Café de San Vicente de Paúl’ (Taller Aberto). 

Outras das mensaxes que poderán lerse nos cubos serán ‘Cáritas atende a 448 persoas a través dos programas de alimentos e distribúe 81.457 kg. de alimentos a persoas que o precisan’, ‘Na vivenda de acollida para familias en exclusión social de Cáritas atenden a 4 familias’ (Basilisa), ‘A Fundación Meniños atende a 47 familias con 68 nenos, nenas e adolescentes en dificultade social’, ‘A Fundación Secretariado Gitano é unha entidade social intercultural, que traballa en Pontevedra con 360 usuarios/as’ (Xulio Gil) e ‘O Club de Leones de Pontevedra repartiu durante este ano 75.000 kg. de alimentos entre 720 persoas’ (Antón Sobral).

Combater a fame crónica no noso municipio

A concelleira de Benestar Social subliña que “a pesar dos progresos acadados, moitas persoas do noso municipio seguen a padecer fame crónica e, mentres tanto, tamén aumentan outras formas de malnutrición como o sobrepeso e a obesidade”. A edil do PSOE aposta por “facilitar e colaborar coa xestións das organizacións que traballan dentro do noso municipio para que toda a cidadanía poida alimentarse, fortalecendo o consumo de proximidade e facendo que as persoas receptoras e voluntarias se involucren de igual xeito e creando redes de solidariedade baseadas na horizontalidade e na igualdade”.

Castro tamén se compromete a realizar “un reforzo económico para mellorar a cobertura das axudas temporais e de emerxencia social, incrementar as bolsas de comedores para cubrir ao 100% das familias en situación de emerxencia alimentaria, e garantir o cumprimento do dereito á Renda Mínima de Inserción e a Renda Social Municipal”. “A fame impide que os seres humanos teñan unha vida digna e independente. É responsabilidade de toda a sociedade e nos perxudica a todas/os”, afirma a socialista.