Aberto o prazo de solicitude para actividades de normalización lingüística nos centros de ensino

33

Máis dunha trintena de actividades e programas para todos os tramos de idades dos centros educativos de Pontevedra poden ser solicitadas a través dos formularios dispoñibles no apartado de ensino da web snl.pontevedra.gal. Trátase da oferta específica  do Servizo municipal de Normalización Lingüística e que xa lles foi trasladada aos equipos de normalización lingüística dos centros nunha xuntanza a semana pasada, á que asistiron 30 centros de infantil, primaria, secundaria, ciclos formativos e educación especial.

O catálogo reúne programas e actividades de longo percorrido durante o curso como Youtubeir@s, Enreguéifate, Club de Debate ou Correlingua; así como unha ampla oferta de exposicións (a listaxe inclúe 12) e camiñadas (cunha listaxe de 5). 

Entre as novidades deste curso cóntanse dous obradoiros novos: Galiza Pop, impartido por Aquel-e, un dos youtubeir@s saído do programa co mesmo nome e que acumula máis de 2.000 seguidores na súa canle;  e o de regueifa con Lupe Blanco e Confiscado, de Xandobela. Tamén neste curso está se inclúe o programa Enreguéifate, que xunto co Club de Debate e Youtubeir@s se desenvolve en colaboración coas áreas de Normalización Lingüística doutras Administracións municipais, Deputacións e Universidade.

Tamén se ofrece un catálogo de actividades máis puntuais formado por obradoiros e charlas sobre temas de sociolingüística e toponimia, como reforzo das liñas de traballo en normalización da lingua que realizan os centros de ensino.

Co inicio do novo curso o Servizo de Normalización Lingüística estrea páxina web con contidos para público xeral, espazos de consulta, recursos e apartados para colectivos específicos.