Iván Puentes aplaude o labor de Parques e Xardíns en Mollabao: “Devolvéronlle a vida ó regato da Fontesanta”

8
  • As obras de acondicionamento realizadas Concellería de Medio Natural permitiron eliminar lodos, maleza e silvas do cauce e cubrir todo o talude cunha malla antiherbas e plantas tapizantes

“Se lle botamos unha ollada ás fotografías do antes e o despois, parecen dous espazos completamente distintos. Os traballos de acondicionamento e limpeza integral realizados polo servizo municipal de Parques e Xardíns devolvéronlle a vida, literalmente, ó regato da Fontesanta”. Así de satisfeito se amosa o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, ante o resultado das actuacións executadas entre o lavadoiro da Fontesanta e a rúa Rosalía de Castro, no barrio de Mollabao, así como nas inmediacións da Casa do Mar e o perímetro do parque de educación vial.

Puentes comprometérase a realizar esta intervención tras unha visita realizada ao barrio a principios de agosto co voceiro da plataforma veciñal ‘Mollabao si’, Juan Sáenz, e na que constatou que “resultaba imposible adiviñar que alí debaixo, entre unha verdadeira selva de maleza e silvas existía algo parecido a un regato”. Tal e como subliña, o servizo de Parques e Xardíns, coordinador por Manuel Fontán, levou a cabo un desbroce exhaustivo de malas herbas e empregou dúas máquinas retroescavadoras para retirar as enormes cantidades de lodo e lixo que se tiñan acumulado no leito.

Estes traballos completáronse posteriormente coa instalación dunha malla antiherbas en todo o talude e a súa cobertura con plantas tapizantes (hedras e mióporos, esencialmente). A actuación no regato da Fontesanta, que discorre en paralelo á pista de skate de Mollabao, así como nos espazos verdes ubicados na traseira da parada de autobuses da rúa Rosalía de Castro, supuxo un investimento de 6.000 euros e enmárcanse dentro dun plan de rexeneración do barrio que a Concellería de Medio Natural está a deseñar.

Iván Puentes tamén ten a intención de converter nunha nova área de lecer axardinada a pequena parcela existente entre a rúa Rosalía de Castro e o parque de educación vial (trala parada de bus), un espazo que a propia veciñanza xa emprega na actualidade como punto habitual de encontro.