Nova fase na obra da Ponte do Burgo coa renovación dos servizos en Domingo Fontán

21
  • A renovación do subministro de auga farase a través dun sistema de ‘encamisado’ que se se emprega por primeira vez en Pontevedra e que só conlevará o peche do tráfico nun carril 
  • A partires do luns 21 de outubro activarase un plan específico de tráfico

O vindeiro luns, 21 de outubro, iniciarase unha nova fase dos traballos da Ponte do Burgo que incluirá a renovación de todos os servizos  na avenida de Domingo Fontán, o que conleva o peche dun dos carrís deste vial e a activación dun plan específico de tráfico para o tramo que vai desde a Ponte do Burgo ata a Ponte das Correntes. Anunciouno esta mañá o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, tras a Comisión de Obras na que presentou un informe sobre a evolución desta actuación.

Segundo explicou Demetrio Gómez, as etapas previstas na execución da obra van iniciándose dentro dos prazos previstos e, toda vez rematada a cabeceira sur, preparado o taboleiro para instalar a varanda e posto en marcha todo o traballo na cabeceira norte, a seguinte fase implicará “o traballo gordo de renovación de servizos que se vai facer nesta obra”. Así, renóvanse todos os servizos que hai na rúa: a rede de fecais, pluviais, subministro de auga, rede semafórica, rede de comunicación e rede eléctrica e de alumeado público. Esta actuación ten un orzamento de 77.000 euros

A principal novidade radica na técnica que se utilizará na renovación da rede xeral de subministro de auga aos concellos da ría, que en vez de facerse abrindo unha zanxa e cambiando as canalizacións, se realizará a través dun ‘encamisado’, unha técnica que se utilizará por primeira vez en Pontevedra. Esta decisión chega despois dunha proposta da empresa que está a executar a obra, E.C. Casas, froito dun labor de investigación da propia empresa e dunha avaliación exhaustiva por parte dos Servizos Técnicos  municipais para determinar a súa eficacia.

Esta proposta técnica, moito menos agresiva que instalar un tubo novo, consiste en abrir un pozo de entrada e outro de saída para inserir por dentro dun tubo de fibrocemento FC 600 mm, un tubo de polietileno de 560 mm que vai soldado por termofusión, utilizando o sistema Relining ou entubado interior mediante tiro ou empuxe.

Demetrio Gómez aproveitou para facer fincapé en que “toda esta renovación de servizos, facendo obra por obra e treito por treito, é o que nos permite que Pontevedra sexa hoxe un referente e que poidamos ter en marcha o Efecto PO2”. Isto é posible, segundo indicou “porque este tipo de actuacións realízanse en todas as obras, cada vez que hai unha intervención dunha rúa”. Asegurou que “coa renovación deste abastecemento reduciremos outro pouquiño ese 3,6% de perdas que nos quedan na rede de auga, para continuar sendo un exemplo por diante dos obxectivos que está marcando a Xunta”. 

Plan de tráfico

A renovación da rede de subministro de auga con esta técnica novidosa evita que teña que cortarse ao tráfico a totalidade da avenida Domingo Fontán, e o peche só afectará a un dos carrís de circulación entre a Ponte das Correntes e a Ponte do Burgo.

Cortarase o carril dereito (mirando desde a Ponte das Correntes cara a Ponte do Burgo) para todo o tráfico agás residentes e servizos, e cortarase para todo tipo de tráfico desde Martín Códax, a partires do luns 21 de outubro.

O sentido de circulación establecerase desde a Ponte do Burgo cara a Ponte das Correntes (dirección Poio). En sentido inverso, o tráfico será desviado desde a Ponte das Correntes cara o centro da cidade. 

Hai que lembrar que o proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, e que o ritmo das obras segundo a planificación prevista é esencial de cara á xustificación económica ante o Ministerio de Administracións Públicas, órgano xestor dos Fondos europeos no Estado español.