O novo Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra recibe luz verde da Xunta de Goberno local

33
  • O programa marco impulsado por Paloma Castro para o período 2019-2021 foi redactado pola firma Avalia cun investimento de 7.139 euros e fará especial incidencia na poboación máis xoven
  • O documento estrutúrase en catro áreas: Participación e Acceso á Información e aos Recursos; Promoción da Igualdade; Abordaxe Integral da Violencia de Xénero e Saúde, Sexualidade e Xénero

O IV Plan de Políticas de Xénero do Concello de Pontevedra, impulsado pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro, recibiu luz verde da Xunta de Goberno local. Este programa marco en materia de igualdade para o período 2019-2021 foi elaborado pola firma Avalia grazas a un investimento de 7.139 euros e fará especial incidencia na educación e concienciación da poboación máis xoven, de cara a previr de raíz as conductas machistas.

Tal e como explica a socialista Paloma Castro, o contrato con Avalia incluíu a avaliación do anterior Plan de Igualdade, que estaba prorrogado, de cara a introducir unha serie de modificacións “e actualizalo en base ás necesidades reais”. O novo Plan municipal estrutúrase en catro liñas de intervención: Participación e Acceso á Información e aos Recursos; Promoción da Igualdade entre Mulleres e Homes; Abordaxe Integral da Violencia de Xénero e, como novidade, Saúde, Sexualidade e Xénero, coa finalidade de avanzar na inclusión da diversidade sexual e de xénero, asumindo o reto de incorporar a realidade das persoas LGTBI na axenda política de igualdade municipal.

“De cara a promover a participación das mulleres e fortalecer os valores igualitarios -sinala a edil do PSOE-, artellaranse estratexias que faciliten a inclusión das mulleres nas actividades desenvolvidas pola Área de Igualdade e incidirase no impulso do Consello da Muller Nova. Asemade, fomentarase a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e da perspectiva de xénero”.

No eido da saúde, a sexualidade e o xénero, o novo Plan contempla a incorporación da perspectiva sexual e da diversidade en tódalas accións da Concellería, estando prevista a creación dun Centro de Información en materia LGTBI e de orientación e asesoramento afectivo-sexual (semellante ao CIM no ámbito da muller). Precisamente, Paloma Castro ten a intención de potenciar o papel do Centro de Información á Muller e de incidir na “información e sensibilización como ferramentas para loitar contra a violencia de xénero, especialmente entre os máis xóvenes”.