O programa Sexoven educará sexual e afectivamente a 4.000 estudantes pontevedreses de entre 12 e 16 anos

85
  • O proxecto impulsado pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro, que botou hoxe a andar no IES Valle Inclán, inclúe sesións formativas destinadas a nais e pais de 11 Anpas do municipio

Ofrecer educación afectivo-sexual aos xóvenes pontevedreses e aos seus pais e nais é o principal obxectivo do programa municipal Sexoven, que a Concellería de Igualdade, dirixida por Paloma Castro, acaba de poñer en marcha nos centros educativos da nosa cidade. O proxecto, deseñado por unha consultora de igualdade e xénero e dirixido por unha equipa de psicólogos/sexólogos, botou a andar esta mañá nas aulas do IES Vallé Inclán, e permitirá formar nesta materia a 4.000 estudantes de entre 12 e 16 anos.

As charlas do programa Sexoven realizaranse nun total de 129 aulas de 11 centros educativos de Pontevedra, pero tamén se dirixirán ás súas Anpas, impartíndose unha sesión formativa para nais e pais en cada un deles. Para a edil socialista Paloma Castro, resulta esencial “desenvolver un traballo conxunto entre centros, alumnado e familias, para reforzar entre tod@s as mensaxes que reciben os adolescentes”.

Tal e como explica a concelleira de Igualdade, as sesións incidirán na importancia do respecto dentro das relacións sexuais, na prevención de enfermidades de transmisión sexual, na normalización e naturalización da diversidade e na loita contra a violencia de xénero”. “Traballaremos coas familias -subliña Paloma Castro- para que poidan desempeñar de forma axeitada o seu papel como figuras de apego. Estas formacións orientarán aos proxenitores/as sobre como comunicarse cos seus fillos e orientalos e apoialos dende a educación afectivo-sexual”.

Ademais de involucrar ás nais e pais nun aspecto fundamental da educación d@s adolescentes, as charlas deseñadas pola consultora Asistogal daranlles ás familias ferramentas para identificar sinais de alarma nas conductas sexuais dos seus fillos e fillas.

Segundo precisa a responsable da área de Igualdade do Concello de Pontevedra, o programa Sexoven conta coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar do Goberno de España e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A iniciativa, baixo o lema de ‘Pracer ConSentido. Só si é si’, inclúe o reparto de preservativos entre o alumnado dos centros.