Tino Fernández: “O novo Centro Deportivo de Campolongo vai ser punteiro en Galicia e España”

121
  • Tras realizar unha visita ás instalacións, o concelleiro de Deportes amosa a súa satisfación cun resultado final dun complexo que “colma as nosas expectativas e que está na liña dos máis avanzados”

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, realizou esta mañá unha visita ás instalacións do novo Centro Deportivo Municipal de Campolongo para supervisar o resultado das obras e ratificar que “dende o punto de vista operativo xa está todo practicamente listo para que poida abri-las súas portas”. O socialista, que estivo acompañado polo director do complexo, José Bamio, e polo edil socialista Iván Puentes, asegurou que os pontevedreses “poderán desfrutar en pouco tempo dunha infraestrutura deportiva que, aínda que se atopa ubicada fisicamente no mesmo sitio, pouco ten que ver coa que había, xa que é moito máis amplo moderno e adaptado aos tempos actuais”. 

“Estamos moi satisfeitos co resultado final. Sen dúbida, colma as nosas expectativas. Trátase dun centro deportivo que vai ser punteiro non só en Galicia, senón en todo o Estado e que, con absoluta seguridade, satisfará a todos aqueles usuarios que veñan a practicar deporte aquí. A súa ubicación é ideal e está na liña dos complexos máis avanzados de España”, afirmou Fernández. 

O tenente de alcalde agarda que os trámites administrativos que quedan pendentes (esencialmente a presentación do libro do edificio por parte da empresa construtora) se poidan axilizar ao máximo e o Centro se poña en funcionamento “pronto, moi pronto, en cuestión de días”. 

Pola súa banda, José Bamio, responsable de Serviocio/BeOne, indicou que a empresa iniciará a partires de mañá os tours guiados destinados a solventar “as dúbidas co persoal técnico, coñecer o emprego das pulseiras, baixar a app de BeOne, ver a ubicación das distintas salas…”. O seu obxectivo é que, mentres se solventan as tramitacións burocráticas, o clientes poidan coñecer as instalacións e o seu funcionamento “e non se atopen perdidos o primeiro día”. 

“Debemos ter en conta que foi un verdadeiro fito -afirmou Bamio- finalizar esta obra no prazo de seis meses. Despois do inesperado problema da aparición do cabo de Fenosa, faremos unha apertura parcial, que require os mesmos trámites que se fose final. Cónstame que contamos coa colaboración de tódalas partes para solventalos canto antes”.

O novo Centro Deportivo de Campolongo xa conta con 3.600 persoas inscritas, se ben o seu director aclara que “ten capacidade para acoller incluso a máis de 4.000 socios”. O persoal do complexo está formado por 46 traballadores, dos que a meirande parte pertencen ao plantel que xa estaba contratado, “máis catro ou cinco incorporacións”.