Pontevedra pon a proba o seu fondo esta fin de semana coa celebración do Medio Maratón e da carreira de 10 km.

14
  • O evento organizado pola Sociedade Ximnástica e promovido pola Concellería de Deportes recupera este ano o nome orixinal de Gran Fondo que se lle deu á carreira en 1977

Os pontevedreses porán a proba o seu fondo o vindeiro domingo, día 20, coa celebración das xa tradicionais probas de Medio Maratón e de 10 kilómetros. O evento, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra e promovido pola Concellería de Deportes, foi presentado no Concello nun acto no que participaron o edil socialista Tino Fernández; o director da carreira, Víctor Riobó; o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides; a presidenta da Ximnástica, Charo Castro; a directora de área de CaixaBank en Pontevedra, Cristina Vega, e o subtenente da Brilat José Juan González Costado.

Tal e como explicou Víctor Riobó, o Medio Maratón de Pontevedra é unha carreira popular que chega este ano á súa XXIV edición, se ben a estrea do denominado Campionato Galego de Gran Fondo se produxo en 1977, con motivo do 50 aniversario da Ximnástica, cunha distancia de 20 km. A proba repetiuse durante varios anos, ata que en 1992 adoptou o formato actual de Medio Maratón. “Este ano -indicou Riobó- retomaremos o ‘naming’ orixinal da proba, polo que se trataría da XXXVII edición do Gran Fondo CaixaBank de Pontevedra. Trátase, polo tanto, dunha das carreiras máis lonxevas de Galicia e incluso de España”.

Aproveitando as características do circuíto, o evento inclúe este ano, como principal novidade, unha proba de 10 km., na que poderá participar todo aquel que non se atreva fisicamente co Medio Maratón. O circuíto consta de 21.097 metros, conta coa homologación da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e traducirase en dúas voltas de 10 km. que pasan polo centro da cidade e o casco histórico de Pontevedra.

A carreira terá como saída e centro neurálxico a contorna da Ponte dos Tirantes, cun percorrido practicamente chá que discorre en gran parte pola contorna do río Lérez e que sitúa a súa chegada no Estadio da Xuventude, permitindo aos participantes desfrutar da experiencia de atravesar a liña de meta coma os grandes atletas, dentro dunha pista de atletismo. O circuíto atravesa espazos emblemáticos da cidade, como A Peregrina, Santa María ou Arcebispo Malvar.

O Medio Maratón dará comezo ás 11 horas, mentres que o inicio da proba de 10 km. está previsto para 20 minutos antes, en torno ás 10.40 horas, de xeito que se eviten molestias e aglomeracións en determinados puntos do circuíto. Ademais de contar con duchas no Pavillón Universitario e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, a organización obsequiará cunha medalla finisher e unha camiseta aos participantes, instalará unha pantalla xigante que permitirá ver o evento en streaming e celebrará, grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica, que dirixe Yoya Blanco, unha festa final cun pequeno concerto.

Récord de participación: dos 100 de 1977 a máis de 1.500

Segundo apuntou Víctor Riobó, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra conta con superar nesta edición os 1.500 inscritos, unha cifra que supón o récord de participación no Gran Fondo (o ano pasado foron 1.321) e que amosa a consagración “dun evento histórico do atletismo popular pedestre e federado, que comezou con 100 corredores en 1977”. Precisamente, durante a rolda de prensa de presentación, amosáronse algunhas fotografías antigas cedidas polo gañador da primeira edición, Rogelio Barragáns, e que amosan como eran os primeiros anos dun circuíto que discorría polo medio do tráfico rodado.

O socialista Tino Fernández asegurou que o evento “vaise reafirmando, ano tras ano, paso a paso, como unha das probas atléticas máis populares de Galicia” e salientou o feito de que os competidores “estarán acompañados de público practicamente en todo percorrido”. O edil de Deportes subliñou que a súa Concellería “sempre vai apoiar este evento, que expresa valores tan positivos como a superación, o compañeirismo, a cooperación, o esforzo e a consecución de metas”. “Pídolle á cidadanía certa paciencia -engadiu- coas pequenas molestias que poida ocasionar unha proba que promover a saúde, o benestar e a práctica do deporte e que é esteticamente moi bonita”.

A presidenta da Sociedade Ximnástica pediulle á xente de Pontevedra “que saia á rúa para participar desta xornada festiva”, mentres que o xefe provincial de Deportes amosouse convencido de que o evento “vai ser un éxito, entre outros motivos, pola profesionalidade da xente que traballa na súa organización”. Pola súa banda, a directora de área de CaixaBank, entidade que leva catro anos patrocinando a carreira, afirmou estar abraiada co incremento de participación que se ven producindo, e o subtenente Costado constatou que a Brilat participará non só con máis de 80 corredores, senón tamén prestando unha colaboración de carácter loxístico (tendas e carpas, entre outro material).

Nomes propios do atletismo galego

O Medio Maratón de Pontevedra contará coa asistencia de varios nomes propios do atletismo galego, como Elías Domínguez (Miler Running Club), Anxo Castro (Cerne Melide), Álvaro Prieto (Miler Running Club), Paula Santos Roa (ADAS do Barco), Beatriz Fernández (Corredoiras Bueu) e Mario del Rosario (Samertolameu de Moaña). No que atinxe á proba de 10 kilómetros, están confirmados Manuel Lorenzo (SGP), Roi Estévez (Santiago), Marta Casanova (Universidad de Oviedo), José Benito Lóperz (SGP), Carlos Porto (SGP) e Bilal Dahmouni (Escola de Atletismo Lucense).

Voluntariamente, os participantes poderán traer consigo un produto de alimentación imperecedoiro, que se recollerá no Pavillón Universitario o mesmo día da carreira, para facerlle entrega á Redeaxuda da Concellería de Benestar Social, que dirixe Paloma Castro. A proba conta con páxina web (www.mmpontevedra.com), ademais de páxina de Facebook e conta de Instagram.