Ada Otero, Rihanna Currás e Mat protagonizan este sábado un faladoiro que sacará a vida trans do armario

19
  • A Concellería de Igualdade, que dirixe Paloma Castro, pecha o ciclo dos Vermús de Pinto e Maragota cun coloquio que terá lugar no novo Espazo Gastronómico do Mercado a partir das 12.30 horas

Un faladoiro sobre ‘A vida trans en Pontevedra fóra do armario’ pechará a quenda de Vermús pola Diversidade promovidos dende a Concellería de Igualdade, que dirixe a socialista Paloma Castro. A mesa redonda celebrarase este sábado, día 19 de outubro, a partir das 12.30 horas, no novo Espazo Gastronómico do Mercado de Abastos (no segundo andar do edificio ubicado na rúa Serra), e terá como protagonistas á activista LGTBI e avogada especializada en violencia de xénero Ada Otero, primeira muller trans en presentarse nunha lista electoral na historia de Galicia (pola Agrupación Municipal do PSOE); e dous menores: Rihanna Currás, unha rapaza trans de 14 anos, e Mat, unha persoa non binaria de 17.

O coloquio, baixo o lema ‘TRANSformando Pontevedra’, organizouse grazas á colaboración das asociacións Avante LGTB, Chrysallis e Género Diverso, incluirá unha sesión DJ a cargo do artista Bold G e, como ven sucedendo nas anteriores propostas culturais do programa de Pinto e Maragota, os postos do Mercado ofrecerán descontos nos vermús.

A finalidade do faladoiro é a de expoñer as vivencias e dificultades do día a día coas que se atopan as persoas trans e non binarias fóra do armario na nosa cidade. Para a concelleira de Igualdade, a mesa redonda “vainos abrir os ollos, sensibilizarnos e educarnos dende diferentes puntos de vista: o dunha muller como Ada Otero, con gran visibilidade pública polo seu activismo, e o de dous menores, que estarán acompañados polas súas familias e que darán testemuña da realidade que viven na rúa e nos centros educativos”.

Tal e como explica Paloma Castro, o coloquio co que se pon punto e final aos Vermús de Pinto e Maragota “coincide ademais en datas coa Manifestación Nacional pola Despatoloxización Trans, convocada en Santiago de Compostela pola Plataforma LGTB+ Galega para este mesmo sábado (partirá ás 12.00 horas da Praza do 8 de Marzo), o que lle dá un  carácter aínda máis reivindicativo á actividade”. 

Neste sentido, a edil do PSOE lembra que as propostas culturais de lecer que este programa ven desenvolvendo nos espazos públicos da cidade, principalmente ao ar libre, teñen o obxectivo de visibilizar e dignificar a diversidade sexual, así como de concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coñecer, achegarse, respectar e empatizar co colectivo LGTBI. Entre as actividades deseñadas pola Concellería de Igualdade no marco deste proxecto incluíronse actuacións que combinaron música, danza, performance e poesía.