Aberto o prazo para inscribirse na oferta formativa do programa ‘Pisando forte’

84

Volve a oferta formativa para a mocidade a través do programa ‘Pisando forte’, con cinco cursos e un total de 80 prazas. A inscrición xa pode realizarse a través da web apuntate.pontevedra.gal e priorizaranse as persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. “Trátase dunha formación enfocada á adquisición de ferramentas que aumenten a empregabilidade da mocidade en diferentes sectores do mercado laboral” resumiu o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña.

O concelleiro lembrou que desde esta edición se ofertan por unha banda os cursos de ‘Pisando forte’ e por outra os da ‘Escola feminista para a mocidade’, dándolle entidade propia a esta última. Segundo explicou Alberto Oubiña isto responde a que “pensamos que o feminismo é unha das pautas fundamentais que debe guiar a sociedade do futuro”. A ‘Escola feminista para a mocidade’ tamén oferta 5 cursos e o prazo de inscrición permanece aberto desde o pasado 14 de outubro.

En canto aos cursos de ‘Pisando forte’, o primeiro deles “é un clásico e é un dos máis demandados” segundo Oubiña. Trátase do ‘Curso de manipulación de alimentos e normativa de alerxias e intolerancias’, que está especificamente orientado ao ámbito da hostalaría. Neste curso ofértanse 20 prazas.

O segundo é o curso de ‘Educación ambiental e compostaxe’ que, con 15 prazas, ofrece unha formación teórico-práctica para afondar na economía circular e ademais é puntuable para os cursos de mestre composteiro do programa Revitaliza da Deputación. 

O terceiro é sobre ‘Ferramentas dixitais para a xestión de proxectos en equipo. Visual Thinking’, enfocado á optimización deste tipo de ferramentas para traballar en enquipo . O cuarto é un obradoiro sobre técnicas de estudo, dirixido escialmente a persoas que están na Universidade, preparando oposicións ou en distintos procesos de formación. O quinto abordará competencias comunicativas co obxecto de proporcionar habilidades de expresión oral, argumentación e perda do medo escénico. Estes tres cursos ofertan 15 prazas cada un.

Os criterios de acceso a estes cursos son a franxa de idade comprendida entre os 16 e os 35 anos, acreditar o empadroamento no Concello de Pontevedra, cumprir o requisito básico para cada acción formativa (nos casos nos que se esixa). En cada un dos cursos haberá, ademais, unha reserva mínima de prazas para persoas con discapacidade superior ao 33%. Asi mesmo, tamén se confeccionará unha listaxe de agarda para cada unha das accións formativas. 

Todos os cursos de ‘Pisando forte’ serán impartidos integramente en galego, seguirán un rigoroso control de asistencia e constarán dunha proba final de avaliación. Ao remate de cada formación expedirase o correspondente certificado de asistencia e aproveitamento.