Iniciado o proceso para a mellora da accesibilidade na rúa Ponte Muíños

19

A Comisión de Urbanismo vén de ditaminar favorablemente o estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións na rúa Ponte Muíños, en Santo André de Lourizán. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, este reaxuste permitirá urbanizar a totalidade da rúa cun ancho de 8 metros, así como unha rúa perpendicular. Na actualidade só ten este ancho un tramo da rúa xa urbanizado, polo que este reaxuste nas aliñacións permitiría ampliar a rúa collendo parte da finca da inmobiliaria promotora e solicitante do proxecto (Inmobiliaria Ponteno S.L.).

Xaquín Moreda lembrou que anteriormente se aprobara un proxecto de urbanización a instancias da Inmobiliaria Costa Verde pero que, por causa dun recurso interposto por un propietario ao que a Xustiza lle deu a razón, tivera que ser modificado e só se urbanizara o primeiro tramo da rúa. Con esta nova solicitude e co correspondente estudo de detalle para o reaxuste das aliñacións sobre a parcela da promotora, anchearase a totalidade da rúa e urbanizarase a rúa perpendicular onde se sitúan os aparcadoiros que dán servizo á piscina.

Tras o ditame favorable da Comisión de Urbanismo, o seguinte paso sería a aprobación deste estudo por parte da Xunta de Goberno, tras a que pasaría a exposición pública, e en canto conte cos pertinentes informes de servidumes aéreas e de costas, quedaría listo para a aprobación en Pleno. Tras a aprobación definitiva, a promotora estaría en disposición reparcelar os terreos para edificar.